“Sostenibilidad y salud” era o título da segunda xornada deste ano, que estivo moderada polo xornalista Anxo Rodríguez, director do programa ‘Vivir Ou Mar’ de Televisión de Galicia, e que contou con profesionais do sector, da comunicación e da nutrición.
Rosaura Leis, catedrática de pediatría da Universidade de Santiago de Compostela, explicou os 10 obxectivos para unha boa saúde nutricional, incidindo especialmente na importancia da alimentación nos máis pequenos. Como membro da Fundación Dieta Atlántica, defendeu esta dieta tradicional dos países atlánticos, con máximo expoñente en Galicia e Portugal, como un seguro para a saúde. Vén ser a coñecida “dieta mediterránea”, pero con maior presencia de peixe.
Antonio Nieto, xerente de Pesca España, presentou as diferentes accións e campañas de comunicación para fomentar o consumo de peixe lanzadas desde Pesca España, que é a Asociación de Organizacións de Produtores de ámbito nacional e que integra a algunhas das máis importantes organizacións de produtores pesqueiros do país, que representan a importantes segmentos da frota pesqueira española que se dedican á produción e comercialización de peixe e marisco. Algunhas das campañas de Pesca España nos últimos anos centráronse en reivindicar os produtos do mar desde a sustentabilidade, a tradición e a felicidade, combatendo algúns dos falsos mitos que ameazan o consumo de peixe.
O coñecido dietista-nutricionista Juan Revenga, divulgador en materia de nutrición, alimentación e saúde en diferentes medios de comunicación, destapou dunha maneira moi didáctica algunhas das estratexias escondidas detrás da comercialización de certos alimentos que compiten no mercado co peixe fresco. Na súa presentación centrouse sobre todo nos modelos nutricionais de dietas e nas potencialidades e oportunidades do consumo de peixe
Finalmente, Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías e patrón maior da Confraría de Pescadores de Burela, presidente tamén da comisión de traballo de agricultura e pesca do Consello Económico e Social, presentou o Informe CES sobre Pesca, no que se detectaron 11 retos para a sustentabilidade de toda a cadea de valor do peixe.
CLAUSURA E VISITA AO BUQUE ‘INTERMARES’
A presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañada por Fran Cajoto en representacion da Deputación de Lugo, clausuraron as Xornadas Técnicas 2024, emprazando xa a todos os asistentes, tanto os presentes no salón de actos da Confraría de Burela como ás persoas que seguiron o evento a través de internet, á próxima cita, que será xa dentro da XX Feira Expomar, do 7 ao 10 de maio do próximo ano 2025.
Unha vez finalizado o acto de clausura, despois das 8 da tarde, realizouse unha visita ao Buque Escola de Cooperación Pesqueira “Intermares”, que está atracado no porto de Burela con motivo do Centenario da Confraría de Pescadores San Juan Bautista.
ENCONTRO EMPRESARIAL
Previamente, pola mañá celebrouse a 25ª edición do Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras Expomar, que reuniu un ano máis a 25 das entidades máis representativas do sector pesqueiro nacional para tratar os novos retos de futuro do sector pesqueiro e as dificultades actuais que afronta a pesca.