Jennifer Gómez: “Pretende levar este asunto, en diferentes días, coa esperanza de que falle alguén da oposición e ter así a maioría que non lle deu a veciñanza, que non merece nin votou un Alcalde de ordeno e mando”
“Non chego a entender a que está a xogar o Alcalde”, criticou a Voceira socialista do PSdeG de Muras, Jennifer Gómez. “Os socialistas votamos en contra desta modificación e suplemento de crédito co que o Concello quere pagar un paquete de facturas, poñendo en marcha mecanismos correctores que non respectan a tramitación correspondente”, engadiu. Segundo explicou Gómez, “eses contratos deberían estar sacados á licitación porque son facturas que se están dando mensualmente no Concello, como pode ser o contrato da xestión da recollida de lixo municipal, ou o da empresa que leva o mantemento eléctrico no municipio”. Ademais, a socialista apuntou o informe “desfavorable” da Secretaria, sinalando que o Rexedor emprega como mecanismo habitual esta forma de pago para contratos e subvencións encubertas.
Temen explican os socialistas que “o Alcalde pretende levar este asunto a Pleno, en diferentes días, coa esperanza de que falle alguén da oposición e ter así a maioría que non lle deu a veciñanza”. Gómez explicou que “non é a primeira vez que cambia as sesións plenarias de datas e de horarios, sen contar coa oposición e de forma improvisada. El di que é libre de facelo, pero o certo é que non teñen maioría absoluta, é unha deslealdade á oposición e sen dúbida estas prácticas afectan á calidade democrática”.
A Voceira do PSdeG en Muras sinalou que o Alcalde citou á oposición por separado a semana pasada para tratar de cambiar o sentido do seu voto. “Non sabemos que resultou das conversas do PP, pero o certo é que agora volve a levar este asunto a un Pleno que convoca de forma extraordinaria. Nós desde logo manteremos a nosa postura, porque non estamos dispostos a que neste Concello se siga gobernando a base de decretos. Aínda non hai orzamentos aprobados e a veciñanza non merece, nin votou, un Alcalde de ordeno e mando”.