Patricia Otero subliña que “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”
A responsable socialista apostou por esixir as máximas garantías para reindustrializar Galicia porque, dixo, “fronte aos vetos cruzados, queremos industria, emprego e respecto ao entorno”. Comezou amosando a súa sorpresa pola proposta do PP, que logo de 2 anos e medio de ter presentado o proxecto e de presentalo coma o seu buque insignia, agora pon en dúbida a súa viabilidade e reclaman axuda ao Goberno.
Ademais, engade, “piden que se garantan fondos europeos e diñeiro do Perte de descarbonización cando saben que nin a empresa ten presentado solicitude algunha á convocatoria dos pertes e as bases da convocatoria aínda non foron publicadas”. Criticou a súa “incoherencia” cando lle reclaman fondos ao Goberno aínda que o proxecto incumpra coas esixencias, e ao mesmo tempo sinalan que a Xunta financiará o proxecto “só se cumpre cos requisitos”.
Puntualizou que “o que debe de facer a Xunta é explicar os cambios” do proxecto orixinal, que pasou de 1.500 postos de traballo directos e 6.500 indirectos a “uns poucos centos” de traballos, cando ademais “semella que xa non se trata dunha fábrica só de fibras téxtiles, que non pecha o ciclo forestal en Galicia”.
Afeoulle tamén ao BNG que renunciara a acadar ningún tipo de acordo “buscando o noso posicionamento en contra de que o proxecto reciba fondos europeos”. Lembrou que a convocatoria “non ten nin sequera publicados os requisitos”. Explicou que a selección dos proxectos correspóndelle a unha Comisión técnica que avalía o cumprimento dos requisitos e garante que as axudas non se convocan “á medida” de ningún proxecto industrial.
Os socialistas lamentan a negativa do BNG a acordar unha proposta conxunta para pedirlle ao Goberno que garanta que a posible participación do proxecto nos fondos europeos sexa compatible co pleno respecto ao medio ambiente, a actividade económica da zona e a calidade de vida dos residentes nas comarcas afectadas.