“Estas actuacións favorecen directamente a calidade de vida da xente, porque teñen que ver coa mobilidade e co besnestar”, sinalou o mandatario provincial, para quen a Deputación ten que actuar como o “Concello dos Concellos”
Lugo, 8 de maio de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de supervisar en Xermade diferentes obras nas que a institución provincial investiu máis de 1,5M€ co obxectivo de dotar de máis e mellores servizos á veciñanza do municipio. Concretamente, o mandatario provincial comprobou o resultado dos traballos de acondicionamento da estrada que conecta Momán e As Pontes, a LU-P-2204, renovada na súa totalidade e a creación dun parque con xogos infantís na parroquia de Roupar.
Destacou o Presidente que esta colaboración económica con Xermade é “unha mostra máis do compromiso que temos na Deputación de Lugo con este concello e cos seus veciños e veciñas. Sempre digo, a Deputación ten que ser o Concello dos Concellos, e actuar así é especialmente relevante cando falamos de concellos do rural, que teñen o mesmo dereito a ter servizos públicos de calidade”. Sinalou que “estas dúas actuacións favorecen directamente na calidade de vida da xente, porque teñen que ver coa mobilidade e co benestar”.
Xunto ao Alcalde, Roberto García Pernas, e os Deputados Pablo Rivera e Miguel Fernández, Tomé Roca supervisou o estado do firme da LU-P-2204, que conecta Xermade desde o núcleo de Momán coas Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña. Unha vía que quedou renovada na súa totalidade logo de que a finais do ano pasado a Deputación actuase entre os puntos quilométricos 8,340 e 9,802 para a mellora da drenaxe, afirmado e pavimentación.
Os traballos nesta vía provincial sumáronse a outros que a institución provincial realizou recentemente nos tramos situados entre o quilómetro 7 e o 8,340 e os que se levaron a cabo desde o inicio da vía ata o quilómetro 7. Tres actuacións que contaron cun investimento conxunto de 1,47M€.
Tamén comprobou o Presidente os traballos realizados na parroquia de Roupar para a creación dun parque de xogos infantís diante da Casa Habanera. Unha actuación que se executou nunha parcela que adquiriu o Concello e que contou cun investimento de case 70.000€, dos cales a institución provincial achegou o 85% a través do Plan Deputación.