A deputada popular Cristina Sanz lembrou que “a administración que ten nas súas mans que se resolva a situación de Alcoa é o Goberno de Pedro Sánchez, polas súas competencias no sector da enerxía”
Cristina Sanz lamentou a “hipocrisía política” dos nacionalistas galegos, “capaces de acadar un acordo no Congreso para avanzar na posible viabilidade de Alcoa e negar ese mesmo acordo no Parlamento galego”. Ademais de solicitar a intervención pública e temporal a través da SEPI, o acordo, recollido integramente na emenda proposta polo Grupo Popular esta tarde no Parlamento galego, inclúe a creación da figura de empresa hiper electrointensiva; garantir a máxima compensación por CO2 permitida por Europa; manter a bonificación de peaxes do 80 por cento de xeito permanente; axilizar os trámites para garantir canto antes a efectividade das PPA para este complexo; e esixir o cumprimento dos compromisos e investimentos previstos, como o forno de ánodos.
SEGUIREMOS COAS ESIXENCIAS
“A administración que ten nas súas mans que se resolva a situación de Alcoa é o Goberno de Pedro Sánchez, polas súas competencias no sector da enerxía”, lembrou a deputada popular. Neste sentido, subliñou que “todo o que pode facer a Xunta xa o está a facer, con medidas como facilitar o gasoduto, outorgar axudas para a mellora da eficiencia enerxética, autorizar os eólicos que dependen da Administración autonómica ou amosar a súa disposición a participar nunha intervención instrumental e temporal da factoría”.
Así mesmo, Cristina Sanz incidiu que “seguiremos esixindo a Alcoa que continúe traballando con normalidade; que cumpra cos investimentos comprometidos, nomeadamente o forno de ánodos; ofrecendo o apoio da Xunta na busca dun eventual comprador; pedindo á empresa que concrete prazos, tendo en conta que conta con ter a mediados do mes de xuño ofertas vinculantes de compradores; e incidindo na importancia de garantir seriedade e solvencia das empresas con interese por adquirir a planta”.
“A Xunta e o PPdeG continuaremos apoiando ao Comité de Empresa nestas reivindicacións e permaneceremos vixiantes para que a empresa garanta ese mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo, que son fundamentais para o futuro industrial da Mariña e de toda Galicia”, rematou.