A portavoz censura a “mala xestión” poñendo como exemplos a bicefalia, a incapacidade por sacar adiante os orzamentos, a lamentable situación económica do Concello, a ausencia de mantemento que pon en risco ao patrimonio municipal ou os incumprimentos do programa
Viveiro, 29 de maio de 2024. O Grupo Municipal Popular suspende cun MD (moi deficiente) ao goberno municipal por “un ano perdido” e lamenta que asociacións centenarias como a Banda de Música cesen a súa actividade polo desatino e o despilfarro do goberno de Loureiro. “Viveiro agoniza e a alcaldesa recoñece que a situación a supera e por iso solicita continuamente que outras administracións asuman as competencias”, segundo consideran os populares. “Somos a escoba de prata da comarca e, de seguir así, pronto seremos a escoba de ouro” por estar no “vagón de cola da industria, das comunicacións e dos servizos”; aínda que “sempre haberá diñeiro para ceas sorpresa, vídeos promocionais ou dietas duplicadas por un mesmo servizo”.
A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, censura a “mala xestión” do goberno de PSOE e BNG un ano despois das eleccións municipais que “prexudica ao Concello e aos viveirenses” poñendo como exemplos a bicefalia, a incapacidade por sacar adiante os orzamentos, a lamentable situación económica do Concello, a ausencia de mantemento que pon en risco ao patrimonio municipal ou os incumprimentos do programa.
Gueimunde subliña que “a bicefalia está cada vez máis acusada” no goberno municipal. Ademais, censura que “esa falta de coordinación” desemboca “nunha mala xestión dos recursos”; ademais de que “non asumen responsabilidades”. Incluso o BNG “non amosa ningún tipo de respecto institucional ao non asistir aos actos da Garda Civil, a Policía ou da Semana Santa: só representan aos seus”.
A popular subliña que “o BNG fai oposición dende a tenencia de alcaldía” e “avergóñase da xestión das concellerías do PSOE e do proceder da alcaldesa” como se desprende “das súas declaracións públicas”. Incluso os membros do goberno “votan distinto nos plenos e nas xunta de goberno”. Ademais, “hai concellerías desaparecidas para gobernar e explicar cuestións das súas áreas. Están anulados polos acontecementos ou quizá decepcionados”, se pregunta.
O Concello de Viveiro está sen orzamento porque “o goberno non tivo vontade de sacalos adiante”. De feito, “nin cumpren a palabra co socio de investidura ao non incluír inversións do acordo programático, nin contan coa oposición a pesar de estar en minoría”. É máis, “presentan un orzamento irreal que finalmente cuadriplica os gastos previamente consignados”. Gueimunde subliña que “a alcaldesa ten a opción de presentar unha moción de confianza” polo que a convida a “ser valente e propoñela sen tardar. Se sae aprobada quedarían aprobados os orzamentos por decreto desbloqueando a situación e continuando pola senda do despropósito”.
Así mesmo, os populares expoñen que “a situación económica é lamentable” con preto de 8 millóns de euros de débeda nos bancos, 835.000 euros de facturas pendentes do ano pasado das que só se pagaron a metade con cargo ao remanente, gastos superfluos -caramelos, ceas, entrevistas…-, asociacións sen cobrar -e ás que se lles plantexaba unha quita do 40% no presupostos presentado en decembro- e os servizos básicos comprometidos -contratos mal xestionados para a luz e o SAF, proxectos e investimentos limitados…-.
Gueimunde citou algunhas das deficiencias no patrimonio municipal que o poñen “en risco pola falta de atención e mantemento”: goteiras no teatro, no pavillón municipal no centro comarcal, no ximnasio, vasos inoperativos na piscina, torretas da luz sen poñer en Marcos Gómez, desprendementos na fachada do conservatorio, a Casa dos Maestros en mal estado, o centro social de Pénjamo abandonado e os accesos e muros do cemiterio sen arranxar.
A popular sinala que “o BNG di que ten todo no forno con diñeiro de subvencións da Xunta e da Deputación, pero non sabemos nada das súas promesas electorais”: abastecemento e beirarrúas de Xunqueira e Magazos, a reordenación da Praza de Lugo, o bus urbano, a retirada do cemento nos xardíns para poñer máis flores, a malla antideslizante no paseo fluvial, as marquesiñas, o carril bici ou os aparcamentos en Cantarrana. “Nada se sabe tampouco do parque de Landrove, a Praza de Abastos, os obradoiros de emprego sen solicitar e as obras na praia de Sacido á espera”. A este respecto, incide en que “a tenente de alcaldesa xustifícase dicindo que non hai diñeiro, pero si o había para as catro dedicacións exclusivas que pedía”.
Gueimunde subliña tamén que as fochancas das variantes están sen arranxar e lembra a situación da rotonda de Misericordia, o PXOM que din que está na fase final pero non é certo, sen resolver o problema coa Policía Local despois de tres meses, a incerteza constante en materia de turismo e de programación de eventos que prexudica a moitos sectores económicos…
“LÍO” COS SOCIOS DE INVESTIDURA POR NON CUMPRIR A PALABRA
Sobre as declaracións da alcaldesa con respecto ao “lío” que ten co socio de investidura, Gueimunde aclara que “nin a alcaldesa nin a tenente de alcaldesa poden botarlle culpas do que fan eles ao Partido Popular porque non nos teñen en conta para nada. Non negociaron nada co PP nin antes nin despois da investidura”.
Polo tanto, para a popular “a única responsable da situación é a señora alcaldesa que non sabe negociar e as administracións non a teñen en conta” e lembra que “o acordo programático era co seu presidente Besteiro e con Por Viveiro, co que se comprometeron a todo con tal de quedarse sentados na alcaldía e na tenencia de alcaldía. Non teñen palabra. Non cumpren e non o di o Partido Popular, dío quen os apoiou”.