Os concelleiros subliñan que “os responsables do goberno local confían na boa fe da empresa”; pero “non chega coa declaración de boas intencións senón que é necesario traballar para que o propietario da marca sexa o Concello de Vilalba”
Vilalba, 9 de maio de 2024. Os concelleiros populares trasladan a súa preocupación pola situación da marca FIV de Vilalba que “é patrimonio do noso Concello” e piden unha reunión coa área de Cultura que xestiona Vilalba Aberta.
O Grupo Municipal Popular vén de obter resposta por escrito á pregunta que formulara no pleno de xaneiro, unha vez ter coñecemento de que a empresa adxudicataria do contrato para a organización do festival pretendía rexistrar a marca FIV de Vilalba, sobre as accións que tiña previsto levar a cabo o goberno local en relación a este asunto.
O goberno local recoñece na súa resposta á pregunta dos populares que “o Concello de Vilalba firmou un contrato de patrocinio coa empresa I-radia Crea para que se fixera cargo da organización do festival”. E que “recomendados polos asesores da empresa, debido ás peculiaridades deste tipo de contratación, a empresa iniciou a tramitación para rexistrar a marca FIV de Vilalba” e tras advertir desta situación “o goberno local acordou cederlle o uso da marca e/ou imaxe do FESTIVAL INDEPENDENTE DE VILALBA durante o tempo do contrato”.
Os concelleiros subliñan que “os responsables do goberno local confían na boa fe da empresa”, pero “non chega coa declaración de boas intencións. O goberno municipal ten que traballar para que o propietario da marca sexa o Concello de Vilalba”. E advirten que “se unha empresa ten rexistrada a marca FIV podería levar se quixera o festival, por exemplo, a Vigo”, advirten.