Os populares insisten en que a Deputación de Lugo debe estar presente en todas citas deste tipo para divulgar os produtos de Lugo ou facilitar aos produtores que estean presentes a través da concesión de axudas
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide pide que dende a Deputación de Lugo se impulse ao sector primario da provincia “ben sexa a través da participación do ente provincial neste tipo de eventos ou apoiando aos diferentes produtores a súa asistencia a estas feiras nas que difundir os seus produtos”.
Dende o Grupo Provincial Popular defenden que “este tipo evento son fundamentais” para este sector xa que congregan a moitos profesionais e permiten “presentar de primeira man os grandes produtos que temos na provincia” e así “darlles a oportunidade de chegar a mercados aos que, doutro xeito, teñen moito máis complicado chegar”.
Os deputados populares si aplauden o esforzo da Xunta de Galicia para axudar aos produtores a divulgar os produtos de calidade da nosa provincia e a fomentar o seu consumo, a través de campañas informativas, salóns e feiras nacionais e internacionais e diversas liñas de axuda, “unha mágoa que PSOE e BNG na Deputación non vexan a importancia deste tipo de implicación das administracións”, condena Ameijide.
Neste senso, os populares insisten en que a Deputación de Lugo “non pode perder máis oportunidades coma esta” e “debería de participar en todos os eventos posibles” para así “facer que as bondades dos produtos da nosa provincia cheguen ao maior público posible”.