Antonio Ameijide e Carmen José López comprobaron o “nefasto estado de mantemento” desta estrada provincial xunto ao voceiro do PP en Barreiros, José Manuel Gómez Puente
Tanto Antonio Ameijide como Carmen José López comprobaron o “nefasto estado de mantemento” desta estrada provincial xunto ao voceiro do PP en Barreiros, José Manuel Gómez Puente. “A estrada está completamente destrozada, unha mostra máis do nulo apoio ás iniciativas empresariais asentadas no rural”, lamentaron.
O voceiro popular tamén condena “a imaxe” que se dá do turismo na Mariña xa que “preocuparse polo turismo tamén é manter en bo estado as estradas que levan aos miles de turistas que nos visitan cada verán aos areais”
O abandono nesta estrada provincial maniféstase en numerosos blandóns, fochancas, ausencia de cunetas… o que pon de manifesto “o total abandono dos gobernos de PSOE e BNG á rede de estradas provincial”.
Antonio Ameijide afirma que o perigo nas estradas provinciais é evidente e está aí a diario” para os miles de condutores que empregan esta rede de estradas pola desidia e a falta de mantemento do goberno de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo e recorda que “foi un goberno do PP o que materializou toda a rede de estradas provincial, a máis extensa de España, e con moitos menos recursos dos que Tomé e os seus socios teñen para o seu mantemento”.
Dende o Grupo Popular insisten na necesidade de que a Deputación de Lugo conte un plan de arranxo de estradas anual no que, en base a criterios obxectivos, se dea prioridade a aquelas estradas que presentan un maior deterioro ou nas que hai máis tempo que non se actúa para que estean en bo estado.