Os populares tamén advertiron dun desfase de gasto de 1,2M€ con respecto ao presupostado: “seguen aparecendo facturas do 2023 e debido ao descontrol non é de estrañar que sigan aparecendo máis”
Viveiro, 9 de maio de 2024. “A abstención do BNG á proposta da alcaldía para pagar facturas pendentes do ano 2023 evidencia o divorcio entre ambos socios de goberno: PSOE e BNG”, segundo considera a portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Mariña Gueimunde, que tildou o pleno municipal deste mércores de “inaudito”.
A alcaldesa levaba ao pleno unha proposta de recoñecemento dunha débeda para o pago de facturas do pasado exercicio sen a debida consignación orzamentaria; “pero o grupo da tenencia de alcaldía non apoiou ese pago” explicando que non estaban de acordo co proceder nin cos gastos superfluos do último ano, a pesar de que “o BNG forma parte do goberno dende xuño do 2023”.
Ao respecto, a popular lembra que “parte das facturas pendentes se corresponden coa área do BNG – coma os dous ordenadores para os concelleiros do BNG-, non só coas áreas que xestiona o PSOE a señora María Loureiro”. Ademais, “a comezos do mandato o BNG propoñía contar con 4 dedicacións exclusivas -e o PSOE aceptaba- e incluso a alcaldesa e a tenente de alcaldesa se subiron o soldo”.
Gueimunde incide en que “tanto PSOE como BNG, que son os responsables do actual goberno, teñen que dar contas, responsabilizarse das súas accións, actuar de maneira conxunta e priorizar gastos para reconducir a situación económico do Concello”. O Grupo Municipal Popular, pola súa banda, actúa con responsabilidade: “non podemos apoiar esta forma de xestionar o Concello, pero tampouco podemos negarnos a que os provedores cobren porque son autónomos, responsables de pequenas e medianas empresas que sustentan familias”.
XESTIÓN DOS SERVIZOS
A portavoz popular lembra que “o goberno municipal se salta os procedementos” e así o advirten continuamente os informes de Intervención e Secretaría. Pero, ademais, sinala que “pon en perigo servizos tan necesarios coma o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”.
Ao respecto, os populares puxeron de manifesto no pleno deste mércores “a tremenda irresponsabilidade” que supón o feito de “agardar ata o último día do contrato para propoñer con carácter urxente a prórroga do SAF por tres meses para volver sacar unha nova licitación para a contratación deste servizo”. Así, pregúntanse que houbese pasado se a empresa se negara a realizar o servizo unha rematado o contrato e non aceptase a prórroga. “Non se pode arriscar tanto con estes contratos tratándose de servizos básicos e fundamentais para as familias”, incidiron.
Concretamente, “o goberno municipal agardou ata que caducara o contrato o 30 de abril e convocáronnos tres días despois a unha comisión urxente para tratar o tema”, pero “a día 9 de maio aínda non temos pregos de contratación porque o goberno municipal non fai os deberes”.
DESFASE DE GASTOS DE 1,2M€
Os concelleiros populares tamén advertiron no pleno da xestión económica por parte do goberno bipartito no primeiro trimestre deste 2024: “dende o Grupo Municipal Popular analizamos os datos contables e observamos que seguen aparecendo facturas do ano 2023”. De feito, “a suma das facturas emitidas por provedores ata o 21 de decembro do pasado ano e contabilizadas no ano 2024 ascende a 370.000 euros. E, dado o descontrol demostrado na xestión municipal non é de estrañar que existan compromisos adquiridos por servizos, actividades ou compras do ano pasado que teñen xerado facturas pendentes de rexistrar”.
Os populares advirten que “polos datos que coñecemos a día de hoxe o desfase real de gastos sobre o presupostado é de 1,2M€, un auténtico disparate”.