A portavoz, Mariña Gueimunde, incide en que “nos mentiron” porque “durante tres meses non fixeron nada máis que emitir un decreto para que solucionen o problema os demais”
Viveiro, 23 de maio de 2024. A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, censura da “irresponsabilidade” da alcaldesa polos tres meses sen efectivos da Policía Local no concello e advirte “do pouco peso político que ten Viveiro para o PSOE e o BNG”.
A popular subliña que “mentíronnos durante tres meses” porque “non fixeron nada máis que emitir un decreto para que solucionen o problema os demais”. E, ademais, “a alcaldesa recoñece publicamente que os seus non lle fan caso. As súas chamadas son SPAM para o PSOE e o señor Tomé, a pesar de que Viveiro é o terceiro municipio máis poboado da provincia”.
“A señora Loureiro está soa, sen orzamento, con débedas e sen apoio institucional nin socios fiables de goberno que, lonxe de apoiala, déixana tirada nas votacións plenarias relevantes -no último pleno non votaron a favor do recoñecemento extraxudicial de crédito para pagar a metade dos 835.000 euros en facturas a provedores pendentes do 2023-. Os nacionalistas avergóñanse da xestión de Loureiro e desmárcanse da súa xestión”, considera.
Gueimunde cre que “é unha irresponsabilidade abandonar á súa sorte un tema como o da Policía Local esperando que se resolva só ou pasando a bóla a outra administración cando é un problema local que se debería abordar dende o Concello que son os que coñecen realmente o problema”.
Ademais, censura que o goberno local “non ofrecera ningún tipo de información aos membros da Corporación Municipal, máis alá dun decreto asinado o 1 de marzo para abrir un procedemento informativo e de actuación previas. E agora enterámonos pola prensa de que estamos sen instrutor”, explica a voceira do PP.
A popular sinala que, “precisamente, é o instrutor o que ten que revisar a documentación”. Pero tamén en relación á documentación, Mariña Gueimunde subliña a “incoherencia” do goberno local: “na única xunta de portavoces celebrada sobre este tema díxosenos que non tiñan constancia por escrito de ningún conflito e descoñecían porqué se foron de baixa os axentes”.
Os populares cren que “os dereitos dos traballadores hai que respectalos sempre” e “os dereitos dos cidadáns que pagan por un servizo que non teñen, tamén”. Por iso, urxen a “tomar decisións” para xestionar os recursos e os conflitos buscando un “equilibrio”.
O BNG recoñeceu fai unha semana a necesidade do servizo porque “non ter Policía Local dificulta acceso aos atestados de accidentes e ao labor do departamento de obras”. E a isto, a popular engade “as notificacións para as mesas electorais, que están realizando funcionarios e persoal laboral do Concello” aos que os concelleiros populares lles agradecen a colaboración.
“Viveiro está sen servizo de grúa, sen Policía Municipal, sen control de velocidade e circulación nin de uso de espazos públicos… e todas estas competencias non as poden asumir outros corpos e menos aínda de forma indefinida”, conclúe.