Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Vilalba propón bonificar o imposto de circulación dos vehículos históricos e daqueles con motores que minimicen as emisións de gases contaminantes

A proposta concreta é a de modificar o artigo 4 da actual ordenanza (a número 5) engadindo unha bonificación do 100% aos vehículos históricos e do 50% durante 5 anos para os vehículos híbridos, eléctricos e/ou con emisións nulas

Vilalba, 27 de maio de 2024. O PP de Vilalba pedirá no vindeiro pleno modificar a ordenanza do imposto de circulación para bonificar a cota dos vehículos históricos e daqueles con motores que minimicen as emisións de gases contaminantes.

A portavoz, Sandra López, explica que “o imposto sobre circulación dos vehículos de tracción mecánica é un imposto obrigatorio que o Concello ten que cobrar en todo caso, pero pode ditar normas propias para regulalo”. Así, “co obxecto de proceder a unha rebaixa da carga que para as veciñas e veciños supón este imposto, o Grupo Municipal Popular considera conveniente promover a reforma da súa ordenanza reguladora, incorporando os máximos beneficios posibles”.

A proposta concreta dos populares é a de modificar o artigo 4 da ordenanza actual, a número 5, engadindo:

– Bonificación do 100% da cota do Imposto para os vehículos cualificados como históricos polo órgano competente da Comunidade Autónoma, con arranxo ao disposto no Real Decreto 1247/1995, do 14 de xullo, polo que se aprobou o regulamento de vehículos históricos, e sempre que figuren así matriculados no rexistro da Xefatura Provincial de tráfico.

– Bonificación en función das características dos motores, a clase de combustible que consuma o vehículo e a incidencia da combustión no medio ambiente, sempre que cumpran as condicións seguintes:

a) Bonificación do 50% durante 5 anos para os vehículos híbridos (con motor eléctrico-gasolina, eléctrico-diésel, eléctrico-gas ou gasolina-gas) que estean homologados de fábrica, incorporando dispositivos catalizadores, axeitados á súa clase e modelo, que minimicen as emisións contaminantes.

b) Unha bonificación do 50% durante 5 anos para os vehículos de motor eléctrico e/ou emisións nulas, ou que utilicen exclusivamente como combustible biogás, gas natural, gas líquido, metano, metanol e hidróxeno”.

Exit mobile version