Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz cre que ao alcalde lle molesta que sexa o propio sector o que planifique as inversións de Portos no concello

O portavoz, Javier Castiñeira, lembra que “a Xunta é a administración que máis inviste en Foz, ademais de sufragar a maior parte dos servizos importantes no noso concello”

Foz, 11 de maio de 2024. O Partido Popular rexeita as declaracións do alcalde en relación ao investimento da Xunta de Galicia en Foz “cando é a administración que máis inviste no noso concello, ademais de sufragar a maior parte dos servizos importantes”.

O portavoz, Javier Castiñeira, sinala “un exemplo clarísimo como son os 12 millóns de euros que a Xunta vai investir en Foz na nova depuradora” e lémbralle a Cajoto que “nos últimos anos realizou varias inversións como, por exemplo, varios dragados en Foz”. Así mesmo, engade que “non é certa a cifra que di o alcalde sobre a recadación en taxas portuarias” e aclara que “Portos inviste máis en Foz do que recada”.

O popular cre que “parece que ao alcalde lle molesta que o propio sector planifique as inversións no noso concello. Son as asociacións coma o Club Náutico, a asociación A Ribeira ou a Cofradía de Pescadores que dirixen onde se deben facer as inversións en Foz”.

En relación a reversión de terreos sen uso portuario en Foz, os populares aclaran que “non existe un acordo coa Fegamp nos termos que di Cajoto porque a Federación non ten competencias e Portos non pode tomar esta decisión de forma unilateral; senón que é o Estado o que ten que aceptar a reversión dos terreos”. A Xunta, pola súa banda, “mantén o seu compromiso por avanzar neste procedemento complexo que agardamos se poida facilitar grazas á Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia que estivo meses paralizada por un recurso do Goberno que foi anulado recentemente polo Tribunal Constitucional.

NEFASTA XESTIÓN ECONÓMICA

Castiñeira sinala que “estas declaracións non son máis ca escusas ante a súa nefasta xestión económica”; xa que “é un alcalde que recibiu un Concello totalmente saneado con remanente importante e agora é incapaz de xestionar os maiores orzamentos da historia do Concello de Foz”.

Os populares pídenlle ao alcalde “máis xestión, máis autocrítica, menos queixas e menos gastar en cousas innecesarias e buscando rédito político, máis respecto institucional coas administracións”.

Así mesmo, convídano a “mirarse un pouco o embigo” e a “dar solución ás obras inacabadas que hai pendentes no concello, que son responsabilidade da Deputación de Lugo e que tantas molestias lles están causando aos veciños de Foz”.

Exit mobile version