Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Burela advirte que “cun orzamento con máis cartos, o goberno local inviste menos nos veciños e en obras”

Os populares explican que “calquera formación política seria non pode apoiar uns orzamentos así e sobre os que, ademais, os técnicos municipais sinalan graves advertencias”

Burela, 14 de maio de 2024. O Partido Popular de Burela considera que “unha formación política seria non pode apoiar uns orzamentos nos que dispoñendo de máis cartos, se inviste menos nos veciños e veciñas e en acometer obras” e, especialmente, tendo en conta “as graves advertencias por parte de Intervención”.

Nese sentido, os concelleiros do PP de Burela amósanse “sorprendidos polo descaro da señora alcaldesa á hora de mentirlle aos veciños e veciñas” sobre o orzamento municipal para este 2024 aprobado no pleno extraordinario da semana pasada.

Dende o PP de Burela consideran que “o orzamento municipal é unha ferramenta fundamental que calquera goberno serio debería tratar de aprobar para sacar adiante o seu proxecto e poder gobernar un Concello coma Burela”. E, precisamente, os populares lembran que “ata agora estaba en vigor no Concello de Burela o orzamento do 2022” porque “a señora López Moreno adiou a aprobación do primeiro orzamento do seu mandato ata maio do 2024, case un ano despois da súa toma de posesión”.

E, ante as afirmacións da alcaldesa socialista, aclaran que “con máis orzamento – supera os 8,3M€ fronte aos 7,7M€ do anterior que data do 2022- están a facer menos en materia social e de investimento en obras”. Así o demostra a partida dirixida a “familias e entidades sen ánimo de lucro, o gasto neste eido baixou un 20% con respecto ao do ano 2022” e no referente a inversións reais – obras- “baixou case un 40% con respecto ao anterior”.

INFORME TÉCNICO

Os populares tamén amosan a súa preocupación á vista das “gravísimas advertencias” dos informes de Intervención con respecto a determinados usos que pretende facer a alcaldesa con cargo a partidas deste orzamento, “algo que non pasara con ningún dos presupostos do mandato anterior”. É o caso dos 200.000 euros previstos no fondo de continxencia, “algo extraordinario” que supera todos os fondos de continxencia aprobados anteriormente.

Os concelleiros do PP sinalan que “as advertencias son moi claras: Intervención fala de posibles ilegalidades en caso de que a alcaldía finalmente empregue ese diñeiro para o que dixo que os quería empregar”.

MÁIS TRABALLO E MENOS FOTOS

Dende o Grupo Municipal Popular de Burela lembran que “a alcaldesa dixo que na súa condición de deputada provincial ía traballar por Burela dende esta institución. Pero os orzamentos municipais unicamente recollen unha aportación da Deputación de Lugo duns simbólicos 10 euros. Nin sequera reflicten os fondos do Plan Deputación -antes coñecido como Plan Único- que é un plan de reparto equitativo entre tódolos Concellos da provincia posto en marcha grazas ás negociacións do Partido Popular”, apuntan.

Despois de case un ano de mandato, “agardabamos bastante máis deste goberno bipartito en relación ás inversións en Burela”. Nese sentido, reiteran “menos fotos e máis traballo”.

Exit mobile version