Os concelleiros populares critican que a alcaldesa “pouco ou nada fixo” nos máis de tres anos que pasaron dende o derrubamento para reparar os danos, asentar o cantil e que se puidesen reabrir con total seguridade os tres accesos pechados ao areal
Barreiros, 25 de maio de 2024. Tres dos accesos á praia de San Bartolo, en Barreiros, levan pechados máis de tres anos sen que o goberno local faga “o máis mínimo esforzo” por garantir a seguridade e que se abran de novo. Por este motivo, dende o PP de Barreiros defenderase no vindeiro pleno unha iniciativa para que o Concello leve a cabo unha modificación da ordenanza das praias e esixa á Demarcación de Costas a consolidación do cantil á beira do acceso occidental deste areal para reabrir os accesos pechados.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, recorda que en xaneiro de 2021 produciuse un derrubamento de varias rochas de gran tamaño encima da escalinata de acceso occidental da praia mentres que os outros dous accesos non sufriron dano algún, pero “a día de hoxe aínda non se retiraron as rochas do derrubamento nin se consolidou o cantil, polo que non se poder garantir a seguridade dos usuarios do devandito acceso”.
A zona do derrubamento está nunha zona de dominio público marítimo terrestre sobre a que ten competencia o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Demarcación de Costas da Dirección Xeral da Costa e o Mar que debería acometer de forma urxente a reparación do cantil antes de que se produzan novos derrubamentos que poidan afectar ao paseo de San Bartolo.
Dende a Demarcación de Costas seguen sen dar resposta a cando se realizarán as obras “demostrando un total desinterese”, semellante ao do goberno local que nestes máis de tres anos “pouco ou nada fixo” para que se abran de novo estes tres accesos con total seguridade.
José Manuel Gómez Puente cualifica de “preocupante” a inacción do goberno local, máxime tendo en conta que Barreiros ten nas súas praias un recurso natural fundamental para a economía do municipio xa que atraen cada ano a miles de turistas, ademais de ser as principais zonas de ocio para os veciños do municipio. E, en concreto, a praia de San Bartolo é, sen dubida, unha praia emblemática coñecida por moitas persoas. Situada nunha zona urbana que, xunto coa praia de Altar, é visitada durante o verán por miles de persoas, tanto turistas como veciños e veciñas de Barreiros.
Deste xeito, os concelleiros populares defenderán que o goberno local dea os pasos necesarios para esixir que a Demarcación de Costas se responsabilice de reparar os danos e de consolidar o cantil para evitar máis derrubamentos e así garantir as condicións de seguridade para acceder á praia.