A presidenta provincial do PP compareceu en rolda de prensa xunto aos deputados no Congreso Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades
Elena Candia facía estas declaracións acompañada de representantes no Congreso que compareceron para analizar a situación de infraestruturas da nosa provincial .
Antes de dar paso de forma detallada das súas iniciativas a popular reivindicou o compromiso do ano 2018 do Ministro de Fomento PP Íñigo González de la Senra “quen marcou a folla de ruta que posicionaba a Lugo como un municipio conectado coa Alta Velocidade, con orzamentos que revertían a situación das infraestruturas na nosa cidade”
A popular contrapoñía este feito histórico coas declaracións desta fin de semana do Ministro socialista quen explicou o Plan director do Corredor Atlántico. “Nos si que nos imos tomar en serio o seu proxecto que pouco ten que ver co que hai 6 anos se presentaba en Lugo”
“No PP non renunciamos nin as variantes con Ourense, nin a A56 (Lugo-Ourense), A-74 (Autovía Mariña) ou a A-76 (Ponferrada-Ourense)” engadindo que “imos a apretar o acelerador en materia de infraestruturas xa que deben estar no centro do debate, non podemos comulgar con rodas de muíño, nin podemos ir a aplaudir o avance doutras cidades”
A popular manifestou que “a esperanza que tiñamos posta no cambio de alcaldía, para que mudase a situación, esfumouse” engadindo que “non entendemos como Lugo perde protagonismo por falta de liderazgo”.
A presidenta do PP provincial e voceira do Grupo Municipal Popular no Concello de Lugo ofreceu esta mañá unha rolda de prensa xunto aos deputados do PP pola provincia no Congreso, Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades, que deron conta de distintas iniciativas que están a defender na Cámara Baixa “dentro do noso traballo de fiscalización, control e tamén de impulso ao Goberno central nos asuntos que afectan á nosa provincia”.
Ao respecto, De Olano definiu como “engano aos lucenses” cada vez que “o PSOE vota en contra” de propostas para mellorar, por exemplo, as infraestruturas en Lugo. E deixou claro que “desde o Partido Popular non imos permitir os agravios a Lugo con respecto a outros territorios por parte do Goberno de Sánchez”.
O popular tamén afeou que “o PSOE fose a Ourense celebrar que o Goberno de Sánchez deixa a Lugo sen alta velocidade” porque “sen as variantes o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense será de 1 hora e 15 minutos, segundo estiman os técnicos”, aclarou.
Pero o caso do tren só é un exemplo. “O estado das estradas nacionais é infernal en moitas delas” e, no caso da A-6, a autovía de entrada a Galicia pola nosa provincia, “non é suficiente cun parcheo”; senón que “necesita un proxecto de recuperación que inclúa a mellora do firme e o control dos taludes para evitar casos coma o de Becerreá onde estivo un carril 6 meses pechado ao tráfico”.
PLAN DE CHOQUE EXTRAORDINARIO PARA A A-6
Os deputados populares piden a posta en marcha de forma inmediata dun plan integral, de conservación e mantemento da autovía A-6, habilitando partidas orzamentarias plurianuais, incluíndo un plan de choque extraordinario para solventar os problemas identificados nos firmes e nas estruturas; así como un programa de xestión preventiva de elementos como muros, taludes e obras de paso.
MELLORA DAS ESTRADAS E ILUMINACIÓN DOS ACCESOS A LUGO
Cristina Abades expuxo outras das iniciativas que presentaron os deputados lucenses no Congreso en relación ás infraestruturas viarias na cidade de Lugo. Ante “o deterioro do pavimento das estradas nacionais de acceso á cidade e a falta de iluminación”, os populares pedirán explicacións ao Goberno central sobre a súa previsión para a mellora das estradas nacionais e da iluminación dos accesos á cidade, ademais do acendido da iluminación da rotonda de Nadela e outros accesos á cidade dende a autovía A-6 para mellorar a seguridade viaria.
A popular aclarou que “é necesario humanizar a entrada por Nadela (N-VI), desdobrar a ronda Norte (N-640) ante o incremento do volume de tráfico, mellorar a entrada pola ponte nova e a N-540 que conecta con Ourense e, actualmente, coa alta velocidade; e tamén manter en bo estado a ponte branca que conecta coa estrada a Portomarín”.
IMPULSO A ALTRI
Francisco Conde explicou que este martes defenderá na Comisión de Industria e Turismo unha Proposición Non de Lei solicitando ao Goberno de Pedro Sánchez impulsar o proxecto de Altri en Palas de Rei e garantir a viabilidade do investimento. “Como é lóxico, Altri ten que cumprir con toda a normativa medioambiental, senón non será posible a súa instalación e o seu impacto sobre o territorio”, indicou.
“É o momento de que o Goberno nos explique como vai apoiar a Altri para que a nosa provincia poida crecer en termos económicos e de emprego”, dixo.
O voceiro de Industria no Congreso lembrou que “o presidente Rueda xa expresou a súa clara intención de apoiar a Lugo neste sentido, e agora é o Goberno de Sánchez, apoiado polo BNG, o que ten asumir que o seu compromiso. Un compromiso que pasa por garantir, dixo, o acceso aos fondos europeos, e por dispoñer da subestación eléctrica necesaria para o abastecemento enerxético da planta”.
Neste senso, fixo un chamamento ao diálogo e á sensatez dos grupos parlamentarios. “O Partido Socialista de Galicia terá unha oportunidade para apoiar o proxecto de Altri e, ao mesmo tempo, o BNG ten a posibilidade de deixar de politizar un tema puramente industrial vinculado co crecemento e o emprego”, concluíu.
OS SENADORES PIDEN “INCREMENTAR INVERSIÓNS EN INFRAESTRUTURAS”
Os senadores do PP por Lugo esixirán mañá ao Goberno de Pedro Sánchez, dende a Comisión de Despoboamento e Reto Demográfico, “incrementar o esforzo inversor nas infraestruturas estatais máis estratéxicas para garantir as comunicacións, competitividade e desenvolvemento do conxunto da provincia de Lugo”.
“Fronte ao brinde ao sol que supón a iniciativa do PSOE, cheas de xeneralidades”, os populares propoñen a través dunha emenda medidas concretas. É por iso polo que agardan que os socialistas acepten esta achega que recollen as necesidades actuais da provincia en materia de infraestruturas”.
En materia ferroviaria, os senadores por Lugo insisten en recuperar as variantes de Os Peares-Canabal e Rubián para conectar Lugo coa alta velocidade, garantir o servizo do FEVE, mellorar a liña Lugo-A Coruña para integrala no Corredor Atlántico de Mercadorías e restablecer servizos e frecuencias.
E, en materia de infraestruturas viarias, piden ter en conta a finalización da A-54 este ano, a reconstrución completa dos viadutos do Castro e a rexeneración da A-6 e das estradas nacionais, recuperar os proxectos das autovías A-56, A-74 e A-76, desbloquear o acceso ao Porto Seco de Monforte e implantar a gratuidade na AP-9.