As burelistas remontaron un 2-0 adverso no segundo tempo, pero terminaron sufrindo a súa segunda derrota ligueira cun gol a pouco máis dun minuto do final
O encontro entre mariñás e majariegas empezou cun lanzamento ao pau de Cami cando corría o segundo 31. A meta local Raquel non interviña pensando que o balón se ía directamente fóra, pero finalmente pegaba na madeira e paseábase por diante da portería madrileña. De novo atoparíanse co pau as Guerreiras Laranxas no minuto 6, cando Raquel desviaba o xusto un remate afastado de Patricia.
Con todo, serían as madrileñas as primeiras en anotar. Facíano no minuto 13 nun balón en longo de Raquel que recibía Coral Águeda tras gañarlle as costas á zaga visitante. A majariega definía con moita calidade ante Ana Eliza e poñía por diante ao seu equipo. Antía, ao bordo do descanso, tivo o empate, pero de novo Raquel facíase grande para evitar o primeiro tanto burelista.
O segundo tempo comezou cun novo tanto do Rayo Majadahonda, nun disparo desde a distancia de María Barcelona que tocaba o xusto nunha xogadora e despistaba a Ester, que nada podía facer para deter o balón. A partir deste 2-0, o Pescados Rubén Burela imprimiulle dúas marchas máis ao partido e as discípulas de Julio Delgado fóronse a pola remontada.
Conseguiríana en primeira instancia grazas a dúas tantos de Irene Samper e a un de Patricia. A yeclana era a que facía o primeiro no minuto 28, nunha gran volea tras un saque de esquina de Antía. Mentres, a zaragozana poñía as táboas no 30 cun remate de calcaño de moita calidade. Repetía Irene Samper no minuto 35 aproveitando un rexeite de Raquel tras un dobrepenalti executado por Emilly, que volvía este sábado ás pistas trala súa lesión na Copa da Raíña.
Cando mellor se lle poñían as cousas ás da Mariña chegaba o empate de María Barcelona nun dobrepenalti no que batía por baixo a Ana Eliza, que substituíra a Ester para tentar deter este lanzamento. A sexta falta laranxa, cometida por Noelia Montoro, fora moi dubidosa.
Julio Delgado decidiu arriscar buscando a vitoria e sacou a Cilene como porteira-xogadora. Irene Samper tivo o terceiro na súa conta particular, que significaría o 3-4, pero o seu remate foise ao pau. Finalmente foron as locais as que sacaron rédito a pouco máis dun minuto do final roubando un balón que Pitxi enviaba ás mallas dunha portería mariñá baleira.
Ficha Técnica Rayo Majadahonda 4-3 Pescados Rubén Burela FS
Rayo Majadahonda (4): Raquel; Marisa, María Barcelona, Pitxi, Coral Águeda -quinteto inicial-, Marta de Diego, Paula Llorente, Peque e Chili.
Pescados Rubén Burela FS (3): Ana Eliza; Cilene, Rafinha, Cami, Dany -quinteto inicial-, Noelia Montoro, Patricia, Irene Samper, Antía, Emilly, Ester (ps) e Cris Blanco.
Goles: 1-0, min. 13: Coral Águeda. 2-0, min. 22: María Barcelona. 2-1, min. 28: Patricia. 2-2, min. 30: Irene Samper. 2-3, min. 35: Irene Samper. 3-3, min. 37: María Barcelona. 4-3, min. 39: Pitxi.
Árbitros: Georgiana Alina e Jorge Moreno (Madrid). Amoestaron ás locais Chili e Coral Águeda, así como ás visitantes Dany e Antía.
Incidencias: Encontro da vixésimo novena xornada disputado no pavillón de La Granadilla. Presenza de afeccionados burelistas nas bancadas que se fixeron sentir cos seus cánticos.