Site icon Crónica3.com A Mariña

O parque de Santa Catalina, en Rinlo, recibe diversas melloras

Ribadeo, 28 de abril de 2024. O parque de Santa Catalina, en Rinlo, loce nova imaxe tras as melloras realizadas polo Concello.

O alcalde, Dani Vega, contou que “seguimos traballando e seguimos mellorando todos os espazos de lecer. Falamos do Parque de Rinlo, que necesitaba unha conservación, en consecuencia unha inversión importante, e na última reunión que tiñamos cos veciños, fai un mes, acordábamos distintas actuacións. Eles pedíronos que conserváramos, que coidáramos o parque na praza de Santa Catalina e así o fixemos”.

O rexedor dixo: “parécenos un espazo moi bonito e desde logo non podíamos ter esas varandas deterioradas, agora xa están conservadas, os xogos infantís estaban en moi mal uso, ou a fonte, que estaba anulada porque estaba destrozada e agora hai unha nova fonte, que xa está funcionando”.

Para Vega “nos parques, nos xardíns, nos espazos naturais ao igual que nos puntos turísticos, non se debe facer simplemente agora unha inversión e esquecerse e abandonar o espazo. Non, agora fixemos esa inversión, pero debemos seguir conservando todos os espazos de interese, máis tamén os parques para que os nenos e as familias acudan a eles e pasen un bo rato”.

E engadiu: “seguimos traballando, seguimos mellorando todos estes espazos que levaban anos e anos abandonados e agora vamos utilizar, en moitos casos, recursos doutras administracións e nalgún caso, como en Rinlo, con recursos propios”.

Exit mobile version