A Fundación Democracia y Gobierno Local organizou coa institución provincial unha xornada gratuíta na que expertos e profesionais do sector da prestación de servizos sociais destacaron a rede de residencias públicas da Deputación como exemplo de políticas útiles para favorecer o benestar social e afrontar o reto demográfico
Lugo, 16 de maio de 2024. A Deputación de Lugo acolleu este xoves no Pazo de San Marcos a xornada A prestación de servizos de calidade ás persoas maiores nos municipios de pequeno tamaño como estratexia contra o despoboamento, organizada pola Fundación Democracia y Gobierno Local en colaboración coa propia institución provincial. O congreso, ao que asistiron un centenar de persoas, reuniu a expertos e profesionais do sector da prestación de servizos sociais que destacaron a rede pública de Centros de Atención a Maiores da Deputación como exemplo de políticas útiles para favorecer o benestar social e afrontar o reto demográfico, e, polo tanto, como estratexia eficaz para fixar poboación.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, xunto ao xerente da Fundación Democracia y Gobierno Local, José Luis Moreno Torres, foi o encargado de dar a benvida aos participantes no encontro, celebrado no Salón de Actos.
“Na Deputación de Lugo entendemos que a mellor maneira de abordar os problemas é contemplalos como posibilidades. Non podemos reducir de xeito inmediato a idade media da poboación dos nosos municipios, pero si podemos cambiar as dinámicas socioeconómicas que se xeran en torno á atención das persoas maiores”, sinalou Pablo Rivera. “Apostando pola calidade, pola proximidade, pola universalidade duns servizos públicos que non deben contemplarse como gasto a fondo perdido, senón como un dos mellores investimentos que podemos facer no rural se de verdade queremos contribuír ao mantemento e recuperación da súa poboación”, engadiu.
Contextualizou o Deputado que a extensión da provincia de Lugo –que conta con 9.856 quilómetros cadrados- e o seu número de habitantes -326.000, dos que 97.000 superan os 65 anos e 36.000 están por encima dos 80- dan como resultado un territorio cunha densidade de poboación baixa, apenas 33 persoas por cada quilómetro cadrado, e cun modelo de distribución disperso.
Segundo este panorama demográfico, Rivera Capón sinalou que “a atención á terceira idade é unha das prioridades da nosa provincia. Unha obriga sanitaria, un compromiso de xustiza social ineludible e tamén un elemento clave para reverter as tendencias demográficas adversas que continúan a drenar a poboación do rural”. Sinalou o Deputado que “ninguén quere, nin pode, vivir nun lugar no que non haxa escola infantil, colexio, médico ou servizos de atención aos maiores que lles permitan recibir os coidados que precisan sen ter que marchar do seu entorno familiar”.
Destacou que atendendo a criterios da Organización Mundial da Saúde (OMS), Lugo debería contar con 4.863 prazas de residencias e lamentou que “o Goberno da Xunta presume de que ten 400 prazas públicas e preto de 1.000 en residencias concertadas”.
“Nós non estamos satisfeitos ante a falta de prazas. Non podemos estalo. E tampouco podemos compartir un modelo que aposta pola iniciativa privada que fixa para os coidados uns prezos que non se poden asumir para unha poboación como a nosa, de pensións baixas”, afirmou Pablo Rivera. Rexeitou “o modelo de grandes residencias” en zonas urbanas que veu desenvolvendo a Xunta de Galicia, “que fomenta o desarraigo, afasta ás persoas maiores da súa familia, das súas amizades, do entorno no que pasaron toda a súa vida”, porque segundo argumentou: “levar a unha persoa maior que sempre viviu no rural a unha residencia urbana é deteriorar a súa saíde física e emocional”.
Contrapuxo durante a súa intervención o modelo da Deputación, “centros de pequeno tamaño, situados en concellos do rural, públicos, coa atención personalizada -practicamente un coidador por usuario-, que favorecen o arraigo dos maiores e a tranquilidade das súas familias”. Explicou que é un modelo que xera actividade económica e emprego “porque os traballadores son na súa maioría da zona e porque os provedores dos alimentos e produtos necesarios para o funcionamento da residencia son tamén da contorna”.
A xornada contou coas conferencias de Mónica Domínguez Martín, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade Autónoma de Madrid; Diana Santiago Iglesias, profesora titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela; Mónica Legaspi Díaz, interventora e profesora no grao de Economía e de Administración e Dirección de Empresas; Andrea Garrido Juncal, doutora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela; e Silvia García López, xefa do Servizo de Benestar e Igualdade da Deputación de Lugo.