Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista reclámalle á Xunta que “poña as pilas” e elabore un plan estratéxico diante da caída da produtividade marisqueira

Julio Abalde reclama axudas para garantir a supervivencia dun sector estratéxico para Galicia

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, reclamoulle hoxe á Consellería do Mar que “poña as pilas” e poña en marcha un Plan Estratéxico fronte á caída drástica da produtividade marisqueira nas rías galegas. Abalde presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para esixirlle ao goberno galego un programa de axudas que garanta a supervivencia dun sector fundamental para Galicia.

O responsable socialista urxiu ao goberno galego a “tomar as riendas” comezando por poñer en marcha tódolos recursos propios, das universidades galegas e os centros autonómicos e estatais na elaboración dun estudo das causas da caída da produción. Advertiu que “ese traballo ten que ser sistemático, non en base a convenios puntuais”, e que forme parte dunha estratexia “integral” que vincule o mantemento do sector coa busca de solucións a medio e longo prazo.

Reivindicou así a posta en marcha de axudas específicas para “permitir que o sector poida sobrevivir nunha situación complexa”, vencelladas ás labores de mantemento, recuperación e resembra necesarias para que poida seguir funcionando. Reclamoulle ao conselleiro que poña toda a enerxía na recuperación dos bancos marisqueiros porque, lembrou, o sector está integrado por “milleiros de persoas en toda a costa galega que non queren vivir de subvencións, queren traballar”.

Exit mobile version