Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Socialista acusa á Xunta de responder con “medidas parciais e cosméticas” á caída estrutural da produción marisqueira

Julio Abalde reclama un Plan de axudas estables que permita a pervivencia do sector, que sufriu unha redución da produción de máis do 80 por cento entre outubro e novembro de 2023

Santiago de Compostela, 07 de maio de 2024. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Julio Abalde, acusou hoxe ao goberno galego de ofrecer tan só “medidas parciais e cosméticas” para facer fronte á caída estrutural da produción marisqueira nas rías galegas. Abalde presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca do Parlamento na que reclamou un Plan de axudas estables, como está a pedir o propio sector para garantir a súa pervivencia.

O responsable socialista lamentou que a única resposta do goberno galego sexa “negar a situación sen facer un estudo rigoroso” que permita orientar solucións eficaces, ademais da axuda “única e extraordinaria, con tintes electoralistas, de 550 euros a unha parte dos afectados en portas das eleccións do pasado febreiro”. Dixo que as axudas anunciadas esta semana polo goberno galego resultan “insuficientes e limitadas” tanto na súa contía como no número de beneficiarios.

Urxiu á Xunta a tomar “medidas estruturais urxentes” e que “comece a exercer as súas competencias exclusivas e desenvolver o autogoberno” para apoiar ao sector diante dos reiterados ceses de actividades. Lembrou que o estudo solicitado a finais de 2023 a Meteogalicia, Intecmar e o CIMA revelou unha caída da produción marisqueira de máis do 80 por cento en Galicia entre outubro e novembro de 2023, que se traduciu nunha baixada na facturación do 57 por cento.

Acusou ao goberno galego de que, malia á evidencia dos datos, afronta unha situación de crise reiterada “sen actuacións decididas, escusándose en afirmacións repetidas de que se trata de alteracións puntuais”, pero sen tomar decisións cando a campaña de marisqueo libre vén de ser pechada reiteradamente antes de tempo pola baixa produción.

Exit mobile version