Gonzalo Trenor afirma que “pedir, como fai o BNG, que se informe positiva ou negativamente con anterioridade sería prevaricar”
Gonzalo Trenor dixo que “os do BNG son os do non, os da mentira, os das fotos falsas, os das fake news e os dos bulos”, polo que pediu que “se deixe traballar con tranquilidade, obxectividade, rigor e imparcialidade ao persoal das distintas consellerías, que teñen moito que analizar para poder asegurar que o proxecto de Altri cumpre toda a normativa vixente”.
Ao longo da súa intervención, o deputado popular lamentou “as incontables mentiras que desde o BNG se están a lanzar sobre este proxecto industrial”. Así, negou que a Xunta estea a promover o proxecto de Altri en Palas de Rei, “porque se trata dunha iniciativa privada dunha empresa e o único que fai a Xunta é promover e incentivar o crecemento económico apoiando proxectos industriais, sempre e cando sexan respectuosos co medio ambiente e creen riqueza e emprego de calidade”.
“Menten cando falan de dimensións xigantescas da factoría con 366 hectáreas, cando a realidade é que a superficie que terá a fábrica será menos dun terzo do que afirman; ou cando aseguran que impactará no ámbito de protección BIC do Camiño de Santiago, cando o punto máis próximo á ruta xacobea sitúase a tres quilómetros da planta”, sinalou.