Encarna Amigo explica que a unidade de raios móbil adquirida pola Xunta garantirá o acceso a estes servizos nas zonas rurais galegas
Encarna Amigo lembrou que “a carencia de médicos de familia é xeneralizada no conxunto de España” e explicou que, “aínda ofertando a totalidade das prazas que acredita o Ministerio de Sanidade, sabemos que son necesarias máis”. “Ese foi o motivo polo que desde o Partido Popular e a Xunta levamos tempo pedindo ao Ministerio que acredite máis prazas para as especialidades deficitarias, como medicina de familia ou pediatría”, apuntou.
MEDIDAS ADOPTADAS POLA XUNTA
Diante desta situación, o Goberno galego adoptou medidas, dentro do seu ámbito de competencias, para poder dar solución aos difíciles problemas existentes para dotar de profesionais a determinados centros. En concreto, puxo en marcha a lexislación de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura a través de concurso de méritos, o que xa permitiu ofertar 106 prazas de facultativo especialista de atención primaria en 2022 e outras 72 máis en 2023. Recentemente, a Administración galega xa adxudicou 64 prazas de difícil cobertura, mellorando a atención sanitaria a moitos galegos.
Respecto da prestación de servizos de radioloxía e fisioterapia na Fonsagrada, Encarna Amigo indicou que “a Xunta xa licitou a contratación dunha unidade de raios móbil, que reforzará o servizo no rural galego e que garantirá un adecuado acceso a estes servizos, ao tempo que se optimiza o uso dos recursos públicos”.