Ribadeo, 16 de maio de 2024. O Concello pon en marcha o programa Unha escola, un horto en 4 centros de ensino de Ribadeo. A iniciativa foi presentada pola concelleira de Promoción Económica, Marta Saiz.
A edil explicou que “dentro do proxecto de Alimentos con superpoderes, do campo ao cole porase en marcha o programa que denominamos Unha escola, un horto nos centros escolares de Ribadeo que decidiron participar: CEIP Gregorio Sanz, CPR Plurilingüe Sagrado Corazón, CIFP Porta da Auga e Escola Infantil Nosa Señora do Campo”.
Saiz sinalou que “o obxecto deste programa será pór en marcha en cada un dos centros adheridos un horto escolar coa finalidade de que sirva como recurso educativo transversal, é dicir que sexa un recurso de adquisición de valores cooperativos, comprometidos coa conservación, co uso sustentable dos recursos, toma de conciencia acerca da importancia da adquisición de hábitos saudables con produtos de tempada e de proximidade desde idades ben temperás”.
A concelleira de Promoción Económica dixo que “será un programa que se establece con vontade permanencia e de aí que se desenvolva en 2 bloques de actuación, aínda que complementarios. Así nun primeiro bloque dirixido ao profesorado desenvolveranse 3 sesións formativas onde se impartirán contidos coa finalidade de dotalos de ferramentas técnicas sobre a agricultura ecolóxica, calendarios agrícolas ou o deseño do horto. Dentro destas sesións tamén se incorporarán recursos para a orientación do uso dos hortos como recurso pedagóxico e didáctico nas distintas etapas formativas”.
Marta Saiz contou que “ademais este programa Unha escola, un horto buscará a cooperación e colaboración entre os centros para a elaboración de materiais inclusivos como a identificación das diferentes plantas en braille, compartir semente e/ou experiencias coas persoas do sector primario”.
A edil ribadense seguiu a relatar que “o segundo bloque estará enfocado ao acompañamento práctico insitu, é dicir á posta en marcha dos hortos escolares e o seu mantemento e onde tratarán temas relacionados co abonado, elaboración de sementeiras, plantación, rego etc. Estímase se que este segundo bloque se leve a cabo no seguinte curso escolar”.
E engadiu: “así con esta acción o Concello de Ribadeo pretende afondar na sensibilización e educación coa fin de por en valor a agroecoloxía, a alimentación de proximidade, a nutrición e o consumo responsable dende as etapas máis temperás das persoas”.