A rexedora, Marta Rouco, explicou que se trata dunha iniciativa para “animar a toda a veciñanza” a sumarse á reciclaxe da materia orgánica e ao consecuente coidado do medioambiente
Vilalba, 31 de maio de 2024. O Concello de Vilalba repartirá o vindeiro mércores, día 5 de xuño, bolsas compostables e trípticos informativos da campaña Vilalba Orgánica para conmemorar o Día Mundial do Medioambiente e animar á veciñanza a que se sume á reciclaxe e á correcta separación dos residuos.
“Recentemente vimos de instalar no casco urbano un proxecto de recollida de materia orgánica que supuxo a colocación de 9 colectores marróns para que a veciñanza da zona urbana teña un lugar específico no que depositar os residuos orgánicos” explicou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Ademais, a rexedora quixo “animar a toda a veciñanza a que se sume a esta iniciativa comezando por separar axeitadamente os residuos nos seus fogares, pois é un pequeno xesto que supón unha gran axuda para o coidado do medioambiente e o correcto tratamento dos refugallos nas plantas de reciclaxe”.
Precisamente nesa liña, para promover que a veciñanza se sume á reciclaxe da materia orgánica, o Concello repartirá o vindeiro mércores, 5 de xuño, a partir das 12.00 na Praza da Constitución, bolsas compostables de xeito totalmente gratuíto.
Estas bolsas, de carácter biodegradable, son un recurso imprescindible para desbotar os residuos nos colectores marróns; como tamén o son as chaves para abrir os colectores que poden recollerse no Punto de Información da Casa do Concello e que os vilalbeses e vilalbesas tamén terán á súa disposición no estand que se instalará o vindeiro 5 de xuño na Praza da Constitución.
Pola súa banda, para dotar da información necesaria á veciñanza, xunto coas bolsas compostables farase entrega dun tríptico informativo da campaña Vilalba Orgánica, no que poderán consultar os residuos que poden e que non poden desbotarse aos colectores marróns, a localización dos mesmos ou o tratamento que se lle dará á materia orgánica unha vez sexa recollida pola empresa responsable.