Vilalba, 29 de maio de 2024. O Concello de Vilalba leva ao pleno municipal de mañá, xoves 30 de maio, unha proposta de acordo para a instalación dun Punto de Actualización de Documentos (PAD).
O PAD estará nas instalacións da Casa do Concello e permitirá aos veciños e veciñas renovar o DNI electrónico, que ten unha validez de dous anos e ata o de agora hai que desprazarse á oficina da Policia Nacional en Lugo para poder facelo.
“Desta forma, melloramos os servizos para os vilalbeses e vilalbesas, que poderán realizar trámites de forma máis sinxela e rápida e nunha ubicación moito máis próxima e cómoda para todos”, sostén a alcaldesa, Marta Rouco.
A instalación deste punto de actualización deriva dunha reunión mantida o pasado 15 de maio pola alcaldesa de Vilalba coa Policía Nacional de Lugo.
Ademais, os veciños e veciñas disporán no concello do asesoramento necesario en caso de dúbidas ou consultas.
Vilalba xa conta co servizo de DNI rural, que permite renovar o DNI na Casa do Concello e que funciona un día ao mes, menos xullo e agosto.