Foz, 15 de maio de 2024. O Concello de Foz únese a unha iniciativa solidaria do colexio Martínez Otero coa asociación de persoas con discapacidade Virxe do Carme.
A concelleira de Servizos Sociais, Ana Rojo, explica que “o colexio Martínez Otero de Foz, e o seu alumnado de 3º de primaria, supervisados polos seus mestres veñen de idear una iniciativa solidaria que repercute directamente na asociación Virxe do Carme de Foz e dos seus rapaces con discapacidade. Esta iniciativa xurde como colaboración dende a actividade e o servizo na que se combinaron aprendizaxe con colaboración, educación inclusiva e integradora entre o alumnado do colexio e os rapaces con discapacidade. A xornada foi moi enriquecedora por ámbalas partes, compartiron opinións, dúbidas e inquedanzas, interactuando de forma espontánea, afianzando lazos e protagonizando momentos de moita complicidade, por exemplo na coreografía, onde bailaron todos xuntos como unha das actividades deste mes. Os alumnos de 3º de primaria mostráronos estas manualidades, modelándoas e pintándoas coas súas propias mans, estas creacións van encamiñadas a ese intercambio solidario de manualidade por doazón”.
Ana Rojo destaca que foi unha “xornada participativa e de aprendizaxe en igualdade e diversidade funcional, fortalecendo así vínculos afectivos con dinámicas didácticas encamiñadas cara ao respecto e a unha mellor accesibilidade destes rapaces, visibilizando e amplificando as súas voces. Sen discriminacións, derribando mitos das persoas con discapacidade e promovendo a súa integración como un obxectivo real a conseguir por parte de tod@s. De tal forma dende o Concello de Foz unímonos a esta iniciativa do propio colexio, como entendemos no seu momento que estes rapaces con discapacidade merecían ter o seu espazo a modo de un local adaptado as súas necesidades, con todo tipo de material didáctico, audiovisual e informático, sen barreiras físicas nin sociais, nun entorno natural mirando a ría de Foz. Son unhas instalacións onde poden reforzar o aprendido, con terapias ocupacionais e diversos talleres, incidindo sempre nas dinámicas de integración e accesibilidade coa inestimable axuda da súa mestra, Sandra”.
A concelleira de Servizos Sociais engade que “todas as persoas que queiran participar desta fermosa iniciativa, poderán facer a achega do material escolar: libros, lápices, folios, xogos de mesa, cores, gomas, etcétera, para posteriormente ser depositados nun mostrador na entrada do colexio. Serán os propios alumn@s coa axuda da ANPA, os que farán entrega das súas propias creacións, en horario de mañás de 9:20 a 10 horas, antes de comezar as clases”.
“O Concello de Foz agradece esta iniciativa solidaria ao colexio Martínez Otero, ao profesorado, a ANPA e de forma moi especial aos verdadeiros protagonistas: os nenos e nenas de 3º de primaria pola súa espontaneidade e o seu afecto cara aos rapaces con diversidade funcional da asociación Virxe do Carme (Marcos, Fran, Javier e Rubén). Para tod@s o noso cariño máis sincero!”, remata Ana Rojo.