En Santo Acisclo, por un importe de 38.000 euros con cargo a fondos do Agader 2023-2024, aglomerouse en quente o vial que une Raúlfe coa estrada LU-152 Foz-Ferreira. “Melloramos a drenaxe neste camiño con dúas novas taxeas e o formigonado de algo máis de 25 metros de cuneta. Realizamos o aglomerado en quente de 620 metros de vial, ancheando dúas curvas para facilitar a circulación e rematamos a obra con nova sinalización vertical e horizontal”, explica o alcalde de Foz, Fran Cajoto.
En Santa Cilla, no barrio de Trasmonte, renovouse cun dobre tratamento superficial con rega asfáltica o firme en 2,4 quilómetros de camiños, que constitúen o entramado viario neste núcleo. “Investimos máis de 81.000 euros para mellorar o firme nuns camiños que sofren moito desgaste pola saca de madeira. Estes traballos súmanse á renovación da varanda e a sinalización na ponte sobre o río Ouro que realizaramos na anterior lexislatura”, destaca o alcalde.
Ademais está prevista a mellora de firme tamén con rega asfáltica de algo máis de 350 metros dun vial en Vilatuixe, na parroquia de Santa Cilla, con cargo ao Plan de rehabilitación de camiños de zonas de concentración 2023-2024, cofinanciado polos fondos europeos Feader nun 75%, pola Xunta e polo Ministerio de Agricultura.