O ministro foi recibido na casa consistorial pola alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Inmigración, Mario Pillado
A continuación, o ministro visitou as instalacións portuarias do municipio, e despois participou nunha unha reunión técnica con representantes de diferentes colectivos, logo nunha presentación con toda a comunidade caboverdiana de Burela.
O obxectivo principal da visita foi o de presentar a aplicación para móbil do Portal Consular de Cabo Verde, na que a comunidade poderá realizar todo tipo de trámites ante o consulado, como os relativos ao pasaporte, dende o seu dispositivo persoal.
Na reunión mantida entre o ministro e o seu equipo técnico con representantes da comunidade caboverdiana no municipio tramitáronse xa algúns pasaportes coa nova app.
Jorge Santos aproveitou a ocasión para convidar de xeito oficial ao Goberno local de Burela a visitar Cabo Verde. A alcaldesa Carmela López agradeceu o convite, “que servirá para seguir traballando na alianza entre Burela e o país africano”.
Pola súa banda, o concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado, destacou que a creación da app é “un gran avance para toda a comunidade burelá”.
“Un dos obxectivos da área de Inmigración é lograr facilidades á hora de levar a cabo trámites burocraticos para as diferentes comunidades que viven no noso Concello, e este é un gran paso en firme nesa dirección”, explica o edil.
“Ademais a visita do ministro Jorge Santos e o seu equipo serviu para estreitar os lazos de colaboración tanto co goberno de Cabo Verde coma coa embaixada en Madrid, algo que nos serve para sequir dando pasos de cara ó futuro”, concluíu.