Rosana Pérez urxe ao conselleiro medidas “para non acabar co marisqueo e entregar o mar ás grandes empresas da acuicultura”
“Votar a favor está ben, pero o sector está farto de que lle dean a botón para votar a favor e logo non fagan absolutamente nada”, advertiu a deputada nacionalista ao conselleiro nunha interpelación na que subliñou que “a situación no sector é límite e hai miles de persoas paradas, con moitos bancos marisqueiros pechados”, sen cría suficiente para poder planificar os próximos dous anos e sen que cesen os vertidos ou mellore a calidade das augas.
“O sector está farto de estar desatendido”, reiterou a deputada, advertindo ao conselleiro que os propios traballadores e traballadoras do mar “din que, de seguir así, en menos de 10 anos acábase o marisqueo”. “Eu digo que en dez anos non se acaba o marisqueo, en 10 anos vostede acaban cos mariscadores e polo tanto co principal obstáculo para entregar o mar ás grandes empresas de acuicultura”, advertiu.
Para evitar ir nese camiño, emprazou a dar cumprimento ao acordado na iniciativa do BNG: axudas directas dende outubro e ata que se recupere a actividade marisqueira, creación dun seguro público de produción marisqueira, demandar do Estado a exención das cotas da Seguridade Social para os afectados, atender a situación económica das confrarías afectadas e elaborar, orzamentar e executar un plan plurianual de medidas para comezar a recuperación e a rexeneración das rías.
A deputada da Pobra comezou a súa intervención poñendo de relevo algúns datos significativos, e “devastadores”, de como a produción marisqueira “retrocede brutalmente”. Por exemplo, no ano 2023 recolleuse un 82 % menos de berberecho que a media dos últimos anos, un 76 % menos no caso da ameixa babosa, un 72 % menos de ameixa fina, un 68 % menos de ameixa rubia, e ata un 5 % menos de xapónica, que é a máis resistente.
Unha desfeita que vén de hai anos e que ten provocado que o número de mariscadoras a pé descendese un 18 % nos últimos quince anos, cun Goberno do PP, segundo denunciou a deputada do Bloque, non ten estratexia nin un verdadeiro plan de actuación para recuperar a produtividade das nosas rías. “Están vostedes actuando para outros intereses que están moi lonxe de ser os do sector marisqueiro”, incidiu, acusando ao conselleiro de estar “aplicando tacitamente” a lei de acuicultura que o PP non puido aprobar no 2016 “grazas a que a xente do mar lla tombou”.
“É difícil pensar a estas alturas que todo o que están a facer e que non están a facer é casualidade”, engadiu Rosana Pérez, lembrando neste sentido que malia que o PP prometeu no 2009 ter saneadas as rías, “estamos no 2024 e os vertidos contaminantes e a súa falta de control non van a menos”.
A deputada nacionalista reprobou tamén a xestión na Consellería do Mar, que promete e non cumple e ten cartos que non gasta. Como exemplo disto, destacou que non 2020 se convocaron axudas por 5,2 millóns de euros pola covid, pero só se concederon 142.000 euros, ou que no 2021 anunciaron a posta en marcha dun seguro por perdas de produción do que nada se sabe aínda.
Recentemente, engadiu, anunciaron en plena campaña electoral, cando o marisqueo xa levaba parado tres meses, axudas por valor de 4 millóns euros para 7.300 mariscadores: pagos de 550 euros por persoas das que se beneficiaron só 3.911 persoas, investindo finalmente dous millóns. “Onde están os outros 2 millóns?”, preguntou, para a continuación criticar que aínda non se teñan convocado os 400.000 euros anunciados para paliar as perdas das confrarías, “moitas delas hoxe asfixiadas”.