Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG reclama a Sanidade a cobertura de xeito permanente do servizo de pediatría do centro de saúde de Ribadeo

Daniel Castro critica que dende hai meses o habitual é que os nenos e as nenas só poidan ter atención especializada un día á semana durante 4 horas

Santiago de Compostela, 20 de maio, 2024. O deputado do BNG Daniel Castro vén de rexistrar no Parlamento unha batería de iniciativas para reclamar melloras na atención pediátrica no Centro de Saúde de Ribadeo posto que, subliña, “todos os nenos e nenas teñen os mesmos dereitos e debe garantirse a todos eles o mesmo tipo de atención sanitaria, calquera que sexa o centro ao que están adscritos”.

Na iniciativa, que avanzou este luns o portavoz municipal do BNG, Pablo Vizoso, emprázase á Consellería de Sanidade a levar a cabo as accións necesarias para recuperar o servizo de pediatría en Ribadeo de xeito permanente, facendo que se cubran as ausencias da titular da praza do centro de saúde todos os días laborables do ano, “e que os nenos e nenas de Ribadeo teñan garantido o seu dereito de igualdade de acceso á asistencia sanitaria”.

Representantes do BNG encabezados por Castro e Vizoso, xunto a pais e nais afectados, participaron precisamente hoxe nun acto para reclamar o servizo de pediatría en Ribadeo, onde deixou de presentarse de xeito permanente en decembro do ano pasado, cando a profesional titular da praza comezou unha incapacidade temporal por enfermidade. Dende entón, explica Daniel Castro, a solución provisional por parte do Sergas foi a cobertura de pediatría “de forma aleatoria” cun profesional desprazado doutro centro, para atender na maior parte das semanas un só día e durante só catro horas.

“Case un millar de nenos de Ribadeo e Trabada estiveron durante cinco meses sen atención pediátrica catro días á semana”, critica o deputado da Mariña, advertindo ademais dos efectos de sobrecarga asistencial nas xa de por si apertadas axendas das médicas de familia do centro, que ante a falta de pediatría, tiveron que asumir unha boa parte da atención aos nenas e nenas.

Demoras na atención, modificación continua de citas programadas e adiamentos das revisións do Programa do Neno San son algunhas da consecuencias que está a ausencia de pediatra de xeito permanente no centro de Ribadeo, ao que están adscritos case un millar de rapaces e rapazas desde concello e do veciño de Trabada.

Exit mobile version