Montserrat Valcárcel advirte que a Xera precisaba intensificar o seu labor como “instrumento válido e validado” pola cadea forestal-madeira
Santiago de Compostela, 15 maio 2024. A portavoz de Montes e Industrias Forestais, Montserrat Valcárcel, reclamou ao Goberno do PP que rectifique a súa decisión de suprimir a Axencia Galega da Industria Forestal, cuxo papel resulta clave para impulsar o conxunto do sector forestal e da madeira e “cando tiña un compromiso e unhas liñas de traballo” en apoio desta cadea de valor con base no monte galego.
Nunha pregunta en Pleno parlamentario, Valcárcel pediu explicacións ao Executivo por unha decisión que baleira as competencias da axencia en favor da Consellería de Industria, algo que considerou incomprensible “cando se trata dunha industria vinculada ao territorio, onde a súa boa xestión é chave para industrializar”.
A deputada nacionalista recordou que Xera, creada en 2017 coa misión de actuar como instrumento de xestión para impulsar a industria forestal e articulada actualmente na Consellería do Medio Rural, ten un labor recoñecido na cadea forestal-madeira, quen celebrou no se día o seu paso precisamente dende Industria “ao lugar que lle corresponde, onde se xestiona o rural”.
Nun contexto no que “resulta imprescindible unir recurso, transformación e mercado”, o BNG considera preciso o mantemento dunha axencia que “precisaba consolidarse e intensificar o seu labor, sendo un instrumento válido e validado por todo o sector”.
“Os obxectivos da Xera só principiaran, estábase impulsando o uso da madeira estrutural na construción e comezábase a innovación nas distintas fases de transformar a madeira, a coordinación cos grupos de investigación e tamén o emprego de calidade”, afondou Valcárcel.
A portavoz de Montes recriminou ao Executivo do PP a ausencia dunha planificación que valorice o aproveitamento e multifuncionalidade do monte, fomentando unha diversificación produtiva que traería como consecuencia “un sector forestal galego forte, con protagonismo das nosas especies autóctonas e con usos diferentes e de calidade, así como un aumento da demanda de madeira certificada competitiva no mercado”.
Neste sentido, cuestionou á conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, pola estratexia que ten a Xunta para acabar de desenvolver os programas pendentes, como o Plan Estratéxico da Industria Forestal-Madeira, ou as axudas á formación, “sen a Xera”.
Por último, Valcárcel reclamou un incremento da contía achegada pola Xunta á investigación forestal, unha investigación centrada en “todas as posibilidades que ofrece a madeira para acadar unha maior rendibilidade das masas forestais”.