Ribadeo, 2 de maio, 2024. Desde o BNG de Ribadeo reiteran a petición de desculpas públicas por parte da concelleira de Benestar Social, Elena Sierra, “despois de admitir esta que o goberno municipal foi enganado por unha empresa na visita ao balneario no pasado 8 de Marzo”.
“A concelleira explicou, entre grandes contradicións, que ela mesma foi enganada por parte dunha empresa, da que inda non coñecemos o nome, que se ofreceu a pagar a viaxe. Este pagamento veu aparellado a unha charla comercial de 2 horas á que as mulleres tiveron que acudir e permanecer case obrigadas. Segundo indicou a concelleira, a empresa enganou o goberno municipal e a propia edil non foi capaz de parar a charla comercial. Esta situación lévanos a dúas posíbeis situacións: por un lado, se a concelleira coñecía que se ía dar a charla comercial estaría enganando as persoas que acudiron a esa viaxe; por outro lado, se realmente foi enganada e non foi quen de parar a propia charla, estaría deixando abandonadas as asistentes ante esa situación. En ambos casos observamos unha mala práctica que debe ir ligada a unhas desculpas públicas que esiximos desde este grupo municipal”.