Ribadeo, 23 de maio, 2024. O BNG de Ribadeo acaba de saber que hai goteiras no Centro de Saúde de Ribadeo. Xa hai meses que se arrastran problemas derivados das intensas chuvias que están a caer e, sobre todo, da incapacidade da Consellaría de Sanidade para buscar solucións a este problema. Agora ben: esta fin de semana corría o idoiro polos corredores do centro de saúde que daba gusto. Pero desde a xerencia en Lugo, desde a consellaría de Sanidade, dedicáronse a asubiar cara a arriba. Vese que a foto non presta; é mellor vir a actos máis lucidos socialmente, pero afrontar os problemas reais da xente, iso non vai nin coa Xunta, nin co alcalde. Nesta ocasión non mostrou aínda o seu enfado.
En sesión plenaria, o rexedor municipal chegou a deslizar insinuacións sobre certo persoal, “non do concello precisamente” e, días máis tarde, aparentou un enfado “elefantiásico” por mor da carencia de servizo pediátrico no centro de saúde ribadense. En vistas de que o alcalde tarda en reaccionar fronte aos problemas das veciñas e veciños, ímoslle lembrar, a través dunha moción, a necesidade de que a Xunta espabile e se poña a andar e busque solución inmediata aos problemas do actual centro de saúde.
Non pode ser que o persoal sanitario teña que facer fronte ás posíbeis baixas (sen que se cubran as prazas que queden vacantes polo motivo que sexa), nin tampouco que estean a expensas de posíbeis danos nas instalacións do centro de saúde. O persoal sanitario está para atender a xente. E unha administración eficiente debería estar aí para solucionar de forma eficaz os problemas que se lle presenten nas súas instalacións. E un alcalde comprometido coa veciñanza, debería demandar de xeito inmediato que a consellaría de sanidade resolva os problemas que poida haber no actual centro de saúde. Tampouco fai falta que se enfade moito. O que necesitamos é que lle fagan caso.