Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo critica a “contraprogramación de actos do Concello”

Ribadeo, 28 de maio, 2024. Nesta fin de semana puídose asistir a varios actos nos que se deu a coñecer a cultura do concello, da comarca mariñá e tamén da comarca veciña do Eo-Navia, así como escritores e escritoras das letras galegas. Foi unha honra para Ribadeo poder acoller figuras do mundo das letras e tamén da música (neste caso tradicional). “Ao longo dos sucesivos mandatos demostramos de moitas maneiras a nosa firme aposta polo nosa cultura como elemento dinamizador e catalizador da nosa sociedade e da nosa economía. E haberá máis fins de semana nos que volvamos ter oportunidades coma esta nas que vexamos a moitos veciños e veciñas aportando a súa achega á revitalización da vila e das parroquias”.

“Pero nesta fin de semana tamén puidemos asistir ao despropósito do goberno municipal de Ribadeo de contraprogramar os actos do concello cun acto partidario tan arrogante como baldío. Xa poden traer a media dirección provincial e un cuarto de dirección galega, que nunca conseguirán facerlle sombra aos actos culturais que a sociedade ribadense demanda e dos que participa activamente. Por moito que se quixese celebrar por todo o alto, como se nunca tal se vira, unha vitoria electoral, a veciñanza ribadense desexosa de cultura participou activamente nos actos programados para esta fin de semana. E agradeceu, coa súa presenza e as súas palabras de ánimo para as distintas persoas que os protagonizaron, as diferentes intervencións e actuacións”.

“Como se pode ignorar a aquelas persoas (que co seu esforzo enchen de son e vida os nosos actos culturais) que colaboran co concello deixándoas sen felicitar e sen lles agradecer a súa colaboración? Como é posíbel que nin o alcalde asista ao pregón da Feira do Libro? Como é posíbel que até a mesmísima concelleira de cultura abandone ás presas dita inauguración sen apenas lle dar tempo a comezar a quen lía o pregón? Como é posíbel que se ignore e deixe no esquecemento a quen preparan con mimo e esmero os cantares da nosa música tradicional?”.

“Desde o BNG de Ribadeo queremos transmitir a nosa felicitación e agradecemento a todas as persoas que dun ou doutro xeito participan na dinamización da vida deportiva, social e cultural sexan quen sexan. Todos arrimamos o ombreiro para sacar adiante Ribadeo como proxecto colectivo. E todas as persoas que colaboran desde o ámbito asociativo merecen o noso recoñecemento e gratitude. Ribadeo é un proxecto colectivo obra de todos e todas. Moitas grazas pola vosa colaboración”.

Exit mobile version