Ribadeo, 15 de maio, 2025. A proposta do BNG, a corporación municipal de Ribadeo vai instar á Xunta a que dote de pediatra de forma permanente o Centro de Saúde da nosa vila. Despois de seis meses, e tras uns días nos que semellaba haber solución para este problema, de novo nos atopamos sen atención pediátrica para as nosas nenas e nenos. “Tanto se botou a presumir o alcalde de que lograra facer grandes xestións para solucionar este problema, que logo se viu que o único que se lle dá ben é falar por falar”.
“E agora aínda ten máis que dicir. Por segunda vez volveu faltar ao respecto aos profesionais da sanidade (ben lembramos a súa tensa noite cando o episodio dos lumes). Nesta ocasión, no pleno deste martes 14 de maio, deslizou algún que outro comentario no que mostraba receo e desconfianza cara algún persoal “non precisamente do concello”. Unha vez máis viuse que ao alcalde de Ribadeo, ou se lle rende obediencia, ou acaba poñendo en cuestión a profesionalidade e o desempeño que quen ouse non calar e dicirlle catro verdades”.
Desde o BNG de Ribadeo “sempre estivemos apoiando, e seguiremos a apoiar, aos nosos veciños e veciñas, así como ao persoal sanitario, nas súas reivindicacións demandando a cobertura da baixa en pediatría (ou en calquera outra especialidade) así como as vacacións que se vaian ir xerando. Non podemos volver a padecer uns servizos sanitarios vidos cada vez a menos, cun verán cunha poboación triplicada e un terzo do persoal sanitario necesario”.