“O BNG de Ribadeo fixo esta proposta, como transacción, para modificar unha moción de urxencia do PP local para pedir unha entrevista con José Tomé (presidente da Deputación de Lugo). Desde a alcaldía pedían o apoio de toda a corporación para solicitar esa entrevista, na que lle ían propoñer unha serie de investimentos para Ribadeo. Desde logo, desde o BNG compartimos estas e outras peticións que beneficien Ribadeo. Ao longo dos nosos sucesivos gobernos así o fixemos: sempre petamos en todas as portas para lograrmos recursos”.
“Pero postos a facer propostas, e para darlle máis verosimilitude a cada unha delas, era bo mostrar a nosa intención, como ente local, de solicitarmos tamén axudas á Xunta e mesmo ao goberno central. Podemos, e queremos instar á Xunta a que faga reais os 700.000€ prometidos para a reforma integral do Hospital Asilo, que faga tamén real a ilusión de dispoñermos dun campo de herba artificial (con 800.000€ sería posíbel). Tamén cremos que xa vai sendo horas (móllese señor Rueda, marque a diferenza con Feijoo) de que aumente a dotación do Fondo de Cooperación Local”.
“Pero coa Xunta topamos no camiño! Cando o alcalde de Ribadeo deu entendido o sentido da nosa emenda (custoulle un chisco) volveuse atrás e dixo que non se podían mesturar os allos cos bugallos, que á Xunta xa se lle podería pedir outro día. Así entende o PP de Ribadeo a mediación: -se dis o que eu digo, digo que es boa xente; e senón…-. Non tardou nin cinco segundos en acusarnos de que non queriamos melloras para Ribadeo”.
“Pero falta á verdade: nos querémolas veñan de onde veñan. E así o demostramos durante moitos anos e volveremos demostralo. Ben deitou o PP local nestes dez meses das inauguracións de proxectos deseñados desde o anterior goberno e que contaron co apoio da Deputación Provincial de Lugo. E ao mesmo tempo, o PP de Ribadeo, co seu alcalde á cabeza, pretende demandar achegas a unhas institucións, pero a outras non”, conclúe o BNG.