Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Ribadeo xestionou numerosas melloras para as parroquias na entrevista que mantivo coa nova conselleira de Medio Rural.

Ribadeo, 4 de maio de 2024. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, xestionou numerosas melloras para as parroquias do concello durante a entrevista que mantivo coa nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Coa colaboración deste departamento da Xunta de Galicia o Concello porá en marcha os plans Avanza Rural e Fontes Vivas.

O rexedor adiantou que o Concello de Ribadeo “elaborará o plan Avanza Rural a dous anos co obxectivo de mellorar as infraestruturas na zona rural de xeito paulatino e planificado. Tal e como diciamos dende a oposición, buscaremos o consenso veciñal: preguntaremos, escoitaremos e despois actuaremos nas parroquias”.

Dani Vega subliñou que “nunha primeira intervención o investimento ascenderá a máis de 395.000 euros. Están contempladas actuacións nas parroquias, tanto do interior como da costa”.

O alcalde explicou que “tamén abordamos nesta xuntanza a elaboración de proxectos para o arranxo de camiños forestais das zonas afectadas polos incendios do ano pasado”. E anunciou que o Concello presentoulle á Consellería de Medio Rural “un proxecto senlleiro, denominado Fontes Vivas, para a rehabilitación e recuperación de todas as fontes e lavadoiros de Ribadeo”.

A conselleira e o alcalde ribadense tamén analizaron unha colaboración co Seaga (Servizo Agrario Galego) para desbrozar zonas próximas aos montes de difícil acceso, para evitar que se ocasionen incendios forestais neses lugares. Ademais o Concello actuará nos meses de xuño e xullo na mellora das pistas da concentración parcelaria.

Exit mobile version