O evento foi presentado hoxe na Delegación Territorial de Lugo e desenvolverase entre este xoves e o sábado
O programa de “Os Camiños de Santiago en Galicia, o seu coñecemento e divulgación” foi presentado hoxe na Delegación Territorial de Lugo polo delegado, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, José Luis Fernández Ansedes; Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta, e Ángel Trabada, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago lucense.
Arias destacou o importante papel que xogan as asociacións de amigos do Camiño “tanto na promoción das distintas rutas como na investigación e na posta en valor dos elementos culturais e históricos propios de cada unha”.
Así, os asistentes a estas xornadas terán ocasión de participar o venres nun roteiro pola variante marítima do Camiño Norte con parada nalgúns dos principais bens patrimoniais e naturais da comarca, como a igrexa de San Salvador de Lourenzá, a praia das Catedrais, a Basílica de San Martiño ou a torre da fortaleza de Pardo de Cela en Alfoz. Tamén se sumará á proposta alumnado e profesorado do IES San Rosendo de Mondoñedo.
Previamente, o xoves pola tarde, proxectarase o documental “Elías Valiñas, o inventor das frechas amarelas”, que dará paso a un coloquio. E o sábado a Federación convocante celebrará unha asemblea aberta e unha reunión con representantes doutros colectivos e institucións xacobeas, para rematar cunha comida de confraternidade na área recreativa da Fervenza, xogos populares, música e outras actividades.