Se non fose por que é un asunto ben serio, faríanme gracia estas últimas declaracións do alcalde, Daniel Vega, cando di que o da falta de pediatra é un problema solucionado grazas ás súas xestións dos últimos días ante a Xunta de Galicia.
Aínda que o alcalde xa nos ten afeitos a este tipo de manifestacións e quere facernos ver que o mundo xira grazas a el, voulle aclarar varias cousas:
Di que fixo xestións nestes últimos días. Pois ben podía telas feito antes porque hai que recordarlle que este problema está enquistado desde o pasado 5 de decembro do 2.023 e se tivese feito xestións nese momento teríanos evitado todo este padecemento durante tanto tempo.
Tamén di que desde hoxe xa hai pediatra, pero a verdade é que se desde hoxe vai haber servizo de pediatría todos os días, do cal nos alegramos, é porque a profesional titular desa praza en Ribadeo incorporouse ao seu posto de traballo despois dun período de baixa laboral desde o mes de decembro do ano pasado. E que o alcalde pretenda facernos crer que a reincorporación desa profesional se debe ás súas xestións, cando durante seis meses non fixo absolutamente nada, é o mesmo que burlarse de todos os veciños e veciñas
O problema é que durante todo este tempo case 1.000 nenos e nenas de Ribadeo, e máis do veciño concello de Trabada, non tiveron a atención sanitaria que se merecen porque a consulta de pediatría só foi atendida catro ou cinco horas á semana e provocou contratempos e retrasos na atención ou adiamentos das revisións establecidas, por exemplo as do Programa Neno San.
E o problema é que isto pode volver a pasar no futuro en calquera momento. Ninguén está libre dunha baixa laboral; todos os traballadores teñen dereito aos seus períodos de descanso e de vacacións e o que ten que haber son profesionais e recursos suficientes, un sistema sanitario ben dimensionado e ben dotado para prestar o servizo ao que todas e todos temos dereito. Iso é o que dende o BNG lle demandamos á Xunta de Galicia, que é a responsable, e ao seu paladín en Ribadeo.
Menos palabrería e máis feitos.
Pablo Vizoso Galdo.
Portavoz Municipal do BNG Ribadeo.