Ribadeo, 17 de maio de 2024. Arrincaron este venres en Ribadeo as Xornadas da Cabala, que organiza Acisa coa colaboración da OPP-7 do Porto de Burela. 21 locais hostaleiros ofrecerán ata o vindeiro domingo máis dunha trintena de preparacións (tapas, racións ou menús) elaboradas con este peixe de tempada.
Ata Ribadeo se desprazou este mediodía o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, acompañado polo alcalde, Dani Vega, e polas concelleiras de Turismo, Cultura, Benestar Social e Atención Cidadá, Marta Saiz, Begoña Sanjurjo, Elena Sierra e Montse Seijo. Xunto a eles estiveron a presidenta e o xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez, que animan “a aproveitar esta ponte das Letras Galegas para saborear as exquisiteces que ten preparada a hostalería asociada”. E agradeceron “a colaboración, unha vez máis, da OPP 7 Porto de Burela, que nos entregou de xeito gratuíto 90 quilos de cabala para levar adiante estas xornadas gastronómicas”.
Acisa lembra que “todos os establecementos hostaleiros participantes nestas xornadas e as súas propostas gastronómicas poden consultarse nas nosas redes sociais”.
O colectivo empresarial tamén tivo palabras de agradecemento para o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, por achegarse hoxe a estas primeiras Xornadas da Xarda, “que poñen en valor o noso traballo e sitúannos como un referente no sector hostaleiro”.