Isabel Rodríguez celebrou a boa acollida do programa, con máis de 35 obras feministas percorrendo a provincia para mudar hábitos impostos nunha sociedade marcada por conductas sexistas e patriarcais
Lugo, 28 de maio de 2024. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, subliñou esta mañá en Barreiros a necesidade de concienciar e formar á mocidade e á infancia para previr e detectar todas as formas de violencia machista. Así o afirmou nunha nova entrega de libros da MAVI, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, para a biblioteca municipal.
A subdelegada celebrou a boa acollida que ten o programa na provincia, destacando a pegada que pode deixar este recurso “empregado para remover conciencias e cambiar hábitos machistas aínda presentes nunha sociedade que a día de hoxe segue marcada polas conductas sexistas e patriarcais”.
A subdelegada presentou xunto á alcaldesa do concello, Ana Ermida, e a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación, María Luisa Castro, a posta a disposición dos libros da MAVI para as persoas usuarias da biblioteca, agradecendo á rexedora a receptividade e a aposta compartida de ambas administracións para loitar contra esta violencia estrutural.
“Contamos cos concellos para traballar nesta cuestión de estado creando conciencia sobre un problema que nos afecta a todas e todos, e que ademais é un asunto que segue á orde do día e que continúa a provocar sufrimento e desigualdade en todo o país” manifestou a subdelegada.
Así, Rodríguez lembrou que na loita contra este tipo de violencias é indispensable a educación e o fomento da lectura. É por iso que se entregan estas lecturas que están á disposición da cidadanía na biblioteca pública municipal e que abordan temáticas que favorecen un pensamento crítico e de adopción dunha actitude de repulsa ante comportamentos machistas e discriminatorios, así como a perpetuación dos estereotipos e roles de xénero.
Estes novos libros súmase aos de Viveiro, Sarria, Vilalba, Quiroga, Trabada, Cervantes e Meira, así como aos dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso. En total, son 3 maletas as que están a percorrer a provincia actualmente, cun total de 36 libros.
MAVI
A maleta conta con doce libros para que tanto mulleres coma homes poidan formar parte do proxecto, incluíndo un diario onde as persoas que participen poidan expresar as súas reflexións e opinións sobre os libros e as experiencias que tiveron a través da lectura.
Entre os títulos que garda a maleta de Barreiros están “A historia dos bonobos con lentes”, de Adela Turín; “Yo voy conmigo”, de Raquel Díaz; “Los hombres me explican cosas”, de Rebecca Solnit; “Mentiras para ser una mujer de verdad. Manual para principiantes”, de Rocío Salazar; “Si es amor, no duele”, de Pamela Palenciano e Iván Larreynaga; “El futuro es femenino: Cuentos para que juntas cambiemos el mundo”, VVAA; “Lola Vendetta. Una habitación propia con wifi”, de Raquel Riba; “Matriarcas. Mulleres en pé de vida”, de Montse Fajardo; “A mi no me iba a pasar”, de Laura Freixas; “Invisibles: Relatos del maltrato”, de Montse Fajardo; “Feminismo para principiantes”, de Nuria Varela e Antonia Santolaya; “Voces que cuentan. Una antología”, VVAA.