Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz conmemora o Día das Letras Galegas con actividades para fomentar o uso da nosa lingua

Foz, 13 de maio de 2024. O Concello de Foz celebra o Día das Letras Galegas cunha programación cultural chea de actividades. “Queremos que calquera día sexa o día das nosas letras, pero o día 17 de maio é especial para calquera namorado da nosa fermosa lingua”, destaca o alcalde, Fran Cajoto.

O pasado venres, día 10, o obradoiro para crear letras tivo unha gran aceptación xa que se cubriron todas as prazas. “Os nenos desfrutaron dunha actividade que non só lles ensinou de caligrafía senón tamén a mestura das cores ou o uso de pinceis para escribir”, explica a concelleira de Cultura, Inés López Couto.

Este martes 14 a xornada está dedicada aos colexios, na que se realizarán sesións de teatro para os mesmos, na Casa da Cultura, en varias quendas. A obra, da compañía Trémola Teatro, abunda na vida da homenaxeada neste día das nosas letras, Luisa Villalta. “Para os pequenos non é só un día de aprendizaxe da autora homenaxeada senón tamén unha pequena excursión á Casa da Cultura e na que tamén teremos algunha sorpresa para eles”, indica a concelleira.

Ademais a Biblioteca Pública Salgado Toimil conta cunha exposición sobre a homenaxeada, que se pode ver na Casa da Cultura, en diversos paneis. Tamén se están organizando visitas escolares: “a nosa técnico de biblioteca organiza visitas guiadas nas que os grupos de pequen@s poden ver o funcionamento dunha biblioteca e o bonito que é o hábito da lectura”, finaliza López Couto.

Exit mobile version