A Fundación Expomar está presente con stand propio en Navalia, feira internacional da industria naval que se celebra en Vigo esta semana e onde está a promocionar a próxima edición da Feira Expomar, que se celebrará en Burela do 7 ao 10 de maio de 2025
Burela, 22 de maio, 2024. O xerente da Fundación Expomar, José M. González ‘Brais’, aproveitou a xornada inaugural da feira Navalia para departir co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, aos que convidou a inaugurar en Burela o próximo mes de maio a vixésima edición da Feira Expomar.
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, é un dos principais impulsores das actividades que organiza a Fundación, como a feira Expomar e os diferentes eventos pesqueiros que se celebran en Burela cada ano, como as recentes Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial.
O representante da Fundación está a manter contactos con diferentes empresas do sector que están presentes en Vigo, tanto visitantes xa coñecidos de Expomar, que repetirán presenza o próximo ano, como novos e potenciais expositores que participarán por primeira vez na 20ª edición do evento.
Na primeira xornada do salón, desde Expomar tamén se mantiveron encontros coa delegación da misión comercial da Cámara de Comercio de Barlovento (Cabo Verde), con quen se gardan excelentes relacións desde hai anos, así como co mesmo alcalde de Vigo, Abel Caballero, a quen tamén se convidou a visitar Burela.
Segundo José M. González ‘Brais’, “os resultados están a ser altamente positivos, xa que moitos expositores que participaron na última edición da nosa feira xa dan por segura a súa presenza en 2025, e outras empresas que nunca expuxeron en Burela si mostraron moito interese en estar presentes nesta nova edición”.