Ribadeo, 18 de maio de 2024. As Escolas Deportivas de Verán, que organiza o Concello de Ribadeo, ofrecen as especialidades de pesca deportiva, piragüismo, skate, surf e vela. Poderán participar as persoas nadas entre os anos 2009 e 2016.
O concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, explicou que “a escola de pesca deportiva dispón de 20 prazas e desenvolverase do 1 ao 24 de xullo de 10:00 a 14:00 horas. Para a de surf hai 18 prazas e será desde o 25 de xuño ata o 18 de xullo en horario de 16:00 a 18:00. E o 19 de xullo haberá unha xornada especial de 12:00 a 18:00 horas”.
O edil ribadense contou que “a escola de skate ten 18 prazas e ofrece 22 clases de dúas horas entre o 8 de xullo e o 6 de setembro. E a de piragüismo conta con 35 prazas para persoas nadas no ano 2015, haberá dous grupos e desenvolverase do 28 de xuño ao 20 de agosto. Cada xornada de actividade será de 2,5 horas entre as 15:30 e as 20:00 horas, dependendo da marea. E a de vela dispón de 20 prazas e será do 1 de xuño ao 6 de xullo. Haberá dúas quendas, unha de 10:00 a 14:00 horas e a outra de 16:00 a 20:00 horas”.
O prazo de inscrición é do 20 ao 24 de maio e o sorteo das prazas farase o 27 de maio. As inscricións, no caso de queden vacantes, seguirán abertas ata o 13 de xuño.
As Escolas Deportivas de Verán foron presentadas polo concelleiro de Deportes, Francisco José Silvent, e polo técnico municipal de Deportes, Iván López.