O recital contará coa participación de recoñecidas figuras do panorama literario e musical galego como son a poeta e xornalista Eva Veiga, a cantante Uxía, a escritora Beatriz Dourado e a escritora local Lucía Ferro. O acto será conducido polo polifacético escritor, poeta e narrador Lois Pérez.
Durante o evento farase entrega dos premios do certame de narración e debuxo “Letras galegas 2024” convocado pola Biblioteca Pública Municipal de Barreiros. Ademais, a orquestra infantil de Sinfónico no Rural na que participan nenas e nenos de Barreiros, ofrecerá unha actuación especial, engadindo un toque musical.
“Versos na baixamar” é un encontro que mesturará poesía e música rendendo tributo este ano a Luisa Villalta, música e poeta homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas. O evento celebra a riqueza cultural e lingüística de Galicia e fomenta a expresión artística xunto coa promoción do talento local.
O evento está organizado polo Concello de Barreiros e coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, da Deputación de Lugo e da Fundación Xesús Bal y Gay.