Site icon Crónica3.com A Mariña

En marcha os Premios de Poesía Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome de Mondoñedo

Mondoñedo, 18 de maio, 2024. Onte, 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello de Mondoñedo sacou á luz os tradicionais premios de poesía que levan os nomes de dous grandes creadores da cidade episcopal.

Trátase, en primeiro lugar, do Premio de Poesía Leiras Pulpeiro, que acada a súa edición décimo terceira, e ao que pode concorrer calquera persoa que presente a súa obra en lingua galega. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro deste ano.

Este certame está dotado con tres premios: 1º de 1.500€, 2º de 600€ e 3º de 300€, placa e diploma

E, en segundo lugar, presentouse tamén o Premio de Poesía Díaz Jácome, que, neste caso, acada a súa vixésimo quinta edición, e, como é habitual, vai destinado a novas e novos creadores que non teñan unha idade superior a trinta anos. Os poemas a presentar terán que ser orixinais e inéditos tanto en soporte impreso coma dixital e non poderán ter sido premiados noutros concursos en data anterior á deliberación do Xurado. As composicións serán dunha extensión máxima de 150 versos de temática libre e poderán achegarse ao Concello de Mondoñedo, ata o día 18 de outubro do 2024.

O certame Díaz Jácome está dotado con tres premios: 1º de 1.500€, 2º de 600€ e 3º de 300€, placa e diploma.

As bases íntegras, de ambos premios, pódense consultar na páxina web do Concello de Mondoñedo: www.concellomondonedo.es

Na presentación dos premios, na que estiveron presentes o Concelleiro de Cultura, D. Alberto García Fernández e a Concelleira de Turismo, Dna. María Patricia Otero Doural, manifestouse que dende o Concello de Mondoñedo se aposta pola cultura e pola potenciación da creación literaria, dando cabida tanto a novas e novos creadores como a escritoras e escritores consagrados a través de certames como os que no día de onte presentaron na cidade mindoniense, berce de grandes figuras do mundo da literatura.

O Concello de Mondoñedo quere animar a todos os nosos creadores e creadoras a participar nestes dous certames de longa tradición en Galicia.

Exit mobile version