Site icon Crónica3.com A Mariña

Eliminadas as infiltracións aos pozos de saneamento de Barreiros

A primeira fase dos investimentos, que se comezarán neste mesmo ano, supoñen un investimento de máis de 41.000 euros que se enmarcan no Plan Deputación

Barreiros, 7 de maio de 2024. O Concello de Barreiros iniciou o procedemento de contratación das obras para a impermeabilización de 14 pozos de rexistro do saneamento municipal distribuídos ao longo de toda a rede.

A alcaldesa, Ana Ermida, sinalou que se trata “dunhas obras imprescindibles para comezar a poñer solucións aos problemas de saneamento existentes no municipio, tendo sempre en perspectiva a necesidade de dotar a Barreiros dunha nova estación depuradora.” Porén, a propia rexedora sinala que “despois de ter encargado unha auditoría sobre o estado da rede e sistemas de saneamento, detectouse que existe unha cantidade importante de augas limpas que se infiltran ao largo da rede e que afecta notablemente ao funcionamento das depuradoras”.

O concelleiro responsable de Medio Ambiente, Dámaso Ratoeira, sinalou a importancia de levar a cabo estes traballos para “lograr a máxima eficiencia posible nas infraestruturas de saneamento, aínda sendo conscientes de que mentres non contemos cun novo sistema os resultados non van ser óptimos, si que o persoal técnico sinalou que o rendemento das estacións e o seu funcionamento melloraría notablemente”.

Ana Ermida incide na importancia destas actuacións, “que nunca se levaron a cabo neste concello, por non ser as máis vistosas, pero que son fundamentais para actuar con responsabilidade na xestión dos servizos públicos e tratar de sacar a máxima eficiencia a uns investimentos realizados no seu momento e que, se non existe mantemento, acaban por converterse nun problema en lugar de dar verdadeiro servizo; como aconteceu con moitos dos servizos en Barreiros, derivado de anos de falta de atención aos mesmos”.

Durante este ano investiranse un total de 41.684,50 euros, dos que cerca de 20.000 euros se destinan ao selado e impermeabilización de 14 pozos que se atopan distribuídos nas parroquias de San Cosme e Benquerencia. Tamén está prevista unha segunda actuación de rehabilitación dun tramo de colector de saneamento no barrio das Carriceiras, en Santiago de Reinante, que ten unha incidencia moi importante sobre a EDAR de dita parroquia.

Para a impermeabilización dos pozos de rexistro, a tramitación como contrato menor iniciouse na Xunta de Goberno Local do 30 de abril, coa solicitude de ofertas a tres empresas especializadas en tales traballos: Saneamiento Avanzado, SL; Impervedra, SL e Canalis Soluciones Tecnológicas, SL. O prezo da licitación é de 16.450 euros máis IVE e o prazo para a presentación de ofertas é de dez días hábiles; polo que se prevé que a adxudicación poida quedar resolta neste mesmo mes.

Exit mobile version