O edil Francisco José Silvent explicou que “desde a Concellería de Mocidade programamos Campamentos Urbanos no Ceip Gregorio Sanz, que terán lugar durante o vindeiro mes de xullo en diferentes quendas: do 1 o 5, do 8 o 12, do 15 o 19 e do 22 o 26. O horario será de 10 a 14 horas e haberá tamén programa madrugador de 9 a 10 da mañá”.
O concelleiro de Mocidade seguiu a relatar que “os asistentes de 4º, 5º e 6º de infantil e de 1º, 2º e 3º de primaria gozarán dunha saída cultural á semana, en horario de mañá. As nenas e os nenos de 4º, 5º e 6º de primaria disfrutarán de dúas saídas culturais todas as semanas e dunha velada con pernocta todos os xoves”.
Os prezos dos campamentos urbanos oscilan entre os 30 e os 40 euros á semana. As inscricións deben realizarse na Casa da Xuventude do 20 ao 24 de maio e o sorteo das prazas terá lugar na Casa do Concello o día 31 deste mes. O prazo para a recollida de taxas e entrega de xustificantes estará aberto do 3 ao 10 de xuño.
Silvent contou que “para a rapazada de 12 a 17 anos están programadas estadías no Complexo Cemar do municipio pontevedrés de Mondariz. Serán o 1 ao 7 de xullo, a primeira quenda, e do 15 ao 21 de xullo, a segunda. No complexo Cemar as rapazas e rapaces gozarán de parque de aventuras, orientación, rutas de sendeirismo, obradoiros, xogos predeportivos, kaiak, etcétera”.
As inscricións neste programa, denominado Ribadeo coa Mocidade, tamén se teñen que realizar na Casa da Xuventude do 20 ao 24 de maio. O sorteo será na Casa do Concello o día 31 e a recollida de taxas e entrega de xustificantes, do 3 ao 10 de xuño.