De Olano incide en que “a resposta do Goberno deixa en evidencia a Besteiro” demostrando que “mentiu cando na campaña das eleccións xerais anunciaba que, se gobernaba o PSOE, as obras da autovía comezarían no 2024”
Os deputados lucenses preguntaban que prazo manexa o Executivo central para ter rematado o proxecto -empezado dende fai 30 anos- para a construción da autovía da Mariña, pero “o Goberno de Pedro Sánchez limítase a dicir que: “Los proyectos de los tramos de la Autovía da Mariña A-74 se encuentran en fase de redacción”.
O popular incide en que “o PSOE mentiu con respecto a esta obra que está nun caixón como demostran as respostas ás distintas preguntas formuladas ano tras ano no Congreso sobre o estado da redacción do proxecto para a A-74”. Xa no 2020 ofrecían a mesma resposta: “que o tramo Foz-Burela está en redacción dende febreiro do 2019 e para o tramo Foz-Barreiros (agora subdivido en dous) se aprobou en outubro do 2019 o expediente de información pública”. Polo tanto, “levan máis de 5 anos para redactar o proxecto desta infraestruturas de aproximadamente 30 km de trazado”. De Olano subliña que “é un engano e unha mostra da falta de compromiso do PSOE coa Mariña”.
“Ao longo destes anos desde o Partido Popular estivemos vixiantes sobre o desenvolvemento das infraestruturas da Mariña”, sinala o deputado. Concretamente, os deputados teñen formulado no Congreso preguntas, defendido iniciativas e presentado emendas aos Presupostos Xerais do Estado para insistir na reserva de partidas orzamentarias que permitan avanzar na execución desta obra “para a que o Goberno do Partido Popular deixara consignación no 2018”, puntualiza De Olano.
BESTEIRO TAMÉN MENTIU
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, aseguraba -durante a campaña electoral ás xerais na que el mesmo encabezaba a lista dos socialistas na provincia- que se gobernaba o PSOE se iniciarían no 2024 as obras da A-74, pero “a resposta do Goberno de Pedro Sánchez déixao en evidencia. Constátase que Besteiro mentía porque, se aínda está o proxecto en redacción, dificilmente se poderá contratar ningunha obra”.